Skip to main content

Entidades financeiras e Xunta abren préstamos preferenciais ás PEMES

O Conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Ramón Fernández Antonio, asinou cos representantes das sociedades de garantía recíproca galegas –Sogarpo e Afigal- e dun grupo integrado por unha vintena de entidades financeiras, un convenio de colaboración que ten como obxectivo facilitar ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas (pemes) e aos emprendedores galegos a posta en marcha dos seus proxectos de investimento. O convenio ven a dar continuidade ao firmado en maio do pasado ano e contempla a creación de tres liñas de financiamento por un importe conxunto de 40 millóns de euros.

Fernández Antonio explicou que estes préstamos preferenciais enmárcanse na estratexia que impulsa a Consellería de Economía e Facenda para potenciar os instrumentos financeiros de carácter reembolsable e de riscos compartidos. Co obxectivo de estimular a creación de novas sociedades e apoiar as iniciativas orientadas á mellora da competitividade das empresas, os préstamos son compatibles con outras fontes de financiamento, tanto préstamos como subvencións, e deberán ir destinados ao financiamento de investimentos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano.

Facilitar o acceso ao crédito avalado

As garantías e custos de xestión adoitan ser os principais atrancos que atopan os emprendedores e as pemes para acceder ao financiamento necesario para impulsar investimentos. Facilitar o financiamento destes tres modelos de investimento -microempresas, emprendedores e pemes que desexan crecer e mellorar- é o obxectivo do convenio mediante o cal o Igape fará posible, coas súas compensacións ás SGR e ás entidades financeiras colaboradoras, que as empresas dispoñan de créditos avalados na súa totalidade e cunhas ventaxosas condicións de xuros. Ademais, o procedemento previsto permitirá unha tramitación máis áxil, ao incorporar un novo mecanismo de formalización anticipada que se suma á tramitación telemática.

Xuros e prazos vantaxosos

O convenio asinado prevé unha liña específica, dotada con ata 20 millóns de euros, para apoiar o financiamento de proxectos impulsados por microempresas. Os préstamos, de ata 25.000 euros e a un xuro resultante de sumarlle ao euríbor 0,20 puntos porcentuais, poden financiar o 100% dos investimentos promovidos polas sociedades con menos de 10 traballadores. O prazo de amortización previsto é de 5 anos.

A Liña Peme Xove, para empresas novas ou con menos de dous anos de actividade, estará dotada de 10 millóns de euros. Os préstamos, de 25.000 a 120.000 euros e a un xuro igual ao euríbor+0,40 puntos, poden financiar ata o 90% dos investimentos dos emprendedores. O prazo de amortización destes préstamos, o mesmo que rexe para os concedidos ao abeiro da liña Peme Competitividade, pode oscilar entre 5 e 7 anos.

Finalmente, a Liña Peme Competitiva está dotada con outros 10 millóns de euros. Os préstamos, tamén entre 25.000 e 120.000 euros e a xuro euríbor+0,40, poden financiar ata o 75% dos investimentos promovidos por pemes con máis de dous anos de antigüidade que impulsen investimentos destinados a mellorar a súa competitividade. Preferentemente, poderán acollerse a esta liña empresas beneficiarias de anteriores liñas de microcréditos.

En 2007, foron apoiados 630 proxectos

Ao amparo do convenio correspondente a 2007 foron aprobadas 656 solicitudes de apoio a outras tantas iniciativas empresarias: 520 dos préstamos apoiados corresponderon á liñas para microempresas, 112 concedéronse na liña para emprendedores e 24 foron para pemes que decidiron investir para mellorar a súa competitividade. Ademais hai 99 solicitudes de préstamo en estudo.

Entidades asinantes

Ademais das dúas sociedades de garantía recíproca de Galicia, Afigal e Sogarpo, subscribiron co Igape este convenio de apoio financeiro para microempresas, emprendedores e pemes as seguintes entidades financeiras: Banco Pastor, Banco Espirito Santo, La Caixa, Microbank de La Caixa, Banco Popular Español, Banco Gallego, Xaixa Rural Galega, Banesto, BBVA, Banco de Sabadell, Banco de Galicia, Caixa Galicia, Caixanova, Caja España, Banco Caixa Geral, Banco de Santander, Bancaja, Caja Madrid, Bankinter e Banco Etcheverría.

Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia)