Skip to main content

O presidente da Deputación e o conselleiro de Traballo visitan o obradoiro de emprego de axuda a domicilio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda e Delegada da Área de Promoción Económica e Emprego, Lara Méndez, e o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, visitaron a Residencia de Minusválidos San Vicente de Paul, un dos centros nos que están a realizar prácticas as participantes no obradoiro de emprego “Servizos á comunidade II”, promovido pola Deputación, a través do INLUDES, e que conta cunha subvención da Consellería de Traballo de 686.624 euros.

Gómez Besteiro sinalou que “estamos comprometidos coas políticas útiles, como é neste caso a formación de persoas no mundo da dependencia”. Gómez Besteiro subliñou, ademais, que “desde a Deputación sumámonos ó obxectivo irrenunciable da Consellería de Traballo na loita pola igualdade. No caso deste obradoiro, o 100% dos participantes son mulleres”.

Pola súa banda, o Conselleiro de Traballo anunciou que ó longo deste ano preto de 1.000 demandantes de emprego lucenses se beneficiarán dos programas de formación e de inserción laboral, subvencionados pola Consellería de Traballo.

Ricardo Varela destacou que, para a posta en marcha de obradoiros de emprego, escolas obradoiro e unidades de promoción de desenvolvemento, o Goberno galego dedicará en 2008 en toda Galicia un presuposto que ascende ós 42 millóns de euros, dos cales 8,6 millóns destinaranse a Lugo. En toda Galicia acolleranse a este tipo de proxectos máis de 4.500 demandantes de emprego, que se formarán nas 128 iniciativas de formación e inserción laboral. Na provincia de Lugo poñeranse en marcha un total de 30 proxectos.

Obradoiro de emprego do INLUDES

José Ramón Gómez Besteiro, Lara Méndez e Ricardo Varela percorreron varias dependencias da Residencia San Vicente de Paul, entre elas, a área de actividades e estimulación, o ximnasio, as áreas de traballo, os comedores e os dormitorios. Na visita tamén participaron o Delegado de Traballo en Lugo, Miguel Vázquez Calvo, e a directora do proxecto, Amalia Liz.

No obradoiro de emprego “Servizos á comunidade II”, o primeiro que impulsa o INLUDES desde que o dirixe Lara Méndez, participan 35 mulleres. O obxectivo desta actividade é especializar ás participantes no coidado e atención ás persoas maiores e discapacitados, facilitándolles así a súa inserción laboral nun dos filóns de emprego. Ademais, perséguese incrementar o número de persoas perfectamente cualificadas para o coidado de persoas dependentes.

Cómpre destacar que o 100% das participantes no obradoiro son mulleres. As 35 beneficiarias desta iniciativa están a recibir formación e experiencia práctica na especialidade de auxiliar de axuda no fogar ata fins de decembro deste ano.

As alumnas-traballadoras están a realizar a súa formación práctica no Centro Residencial de San Roque; na Residencia de Minusválidos San Vicente de Paul; e na Residencia das Gándaras. O obradoiro inclúe formación complementaria de animación sociocultural, auxiliar de enfermería- con especialidade nas patoloxías de Alzheimer e Parkinson-, orientación laboral e empresarial, manipulación de alimentos, alfabetización informática, políticas de igualdade, prevención de riscos laborais e sensibilización ambiental. As beneficiarias cobran 900 euros ó mes, o que representa o 150% do salario mínimo.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo