Skip to main content

Pesca apoia os recursos pesqueiros de Galicia na feira Alimentaria 2008

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, xunto cos conselleiros ou representantes das diferentes autonomías presentes (Asturias, Aragón, Baleares, Canarias, Cantabria, Extremadura, Melilla e Valencia), formou parte da comitiva que acompañou aos Príncipes de Asturias na súa visita polo recinto feiral de Barcelona onde se está a celebrar, ata o día 14 de marzo, o XVII Salón Internacional de la Alimentación y las Bebidas, Alimentaria 2008. A Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, encabezou o grupo que realizou o percorrido coas Súas Maxestades polos stands da feira, que finalizou cu almorzo inaugural.

Pola súa parte, Carmen Gallego, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, visitou un por un os expositores das empresas galegas que asisten a esta cita e fixo unha parada especial no stand que o seu departamento ten instalado no recinto.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos asiste a esta edición cunhas instalacións de 534 metros cadrados de superficie e acompáñana un total de 30 empresas do sector conserveiro, transformador e da comercialización en fresco como coexpositoras. O obxectivo, ademais da promoción institucional, é a de dar a coñecer os produtos frescos e transformados do mar de Galicia e ás firmas galegas vencelladas ao sector marítimo-pesqueiro, nunha das feiras alimentarias máis importantes do mundo.

Entre as actividades que Pesca desenvolverá no transcurso do evento destacan as degustacións de moluscos, conservas, delicatessen e de produtos da pesca de baixura e o marisqueo amparados pola marca de calidade “PescadeRías, de onde se non?” en pratos elaborados por un cociñeiro galego. Así mesmo, o stand da Consellería acollerá na tarde do martes a entrega dos premios da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade), que entregará o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

Ademais, agárdase a visita ao stand da Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, e de representantes das delegacións autonómicas tamén presentes no certame.

Alimentaria 2008

O Salón Internacional de la Alimentación y las Bebidas está considerada como unha das feiras máis importantes do mundo neste sector xa que, dende a súa primeira edición en 1976, ten rexistrado un constante incremento tanto de visitantes como de expositores. O certame, que se celebra cada dous anos na Cidade Condal, busca amosar todo o que acontece na industria da alimentación internacional, nas canles de distribución e tamén nas preferencias dos consumidores.

Nesta cita, na que están instalados máis de 5.000 expositores en 130.000 metros cadrados de superficie, agárdase a participación de 155.000 compradores profesionais procedentes de 155 países diferentes.

Alimentaria 2008 continuará este ano coa súa distribución sectorial en salóns, 13 en total, entre os que destaca o salón denominado Interpesca destinado aos produtos do mar, acuicultura e piscifactorías, no que se ubica o stand da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, así como os das 30 firmas galegas que a acompañan como coexpositoras.

Outras citas

Nos vindeiros meses, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos estará tamén presente en certames moi relevantes como o Salón Gourmet de Madrid, a feira internacional European Seafood Exposition de Bruxelas e o certame Sial 2008 en París, entre outros. O obxectivo é promocionar os produtos do mar galegos e á súa industria.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia