Skip to main content

Cultura anuncia a inauguración da Biblioteca Ánxel Casal o 28 de marzo

O 28 de marzo abre as súas portas a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela. A Consellaría de Cultura e Deporte inaugurará nesa data a nova biblioteca, que levará o nome de Ánxel Casal, recoñecendo así a importancia deste destacado intelectual galeguista e alcalde republicano da cidade, fusilado en 1936, peza fundamental do rexurdimento do libro e da cultura galega no primeiro tercio do século XX.

O novo centro permitirá que Compostela conte cunha biblioteca pública moderna e ben equipada, na que os libros conviven cos novos soportes da cultura e a información. Abrirá cuns fondos de 60.000 exemplares, que inclúen libros (cunha numerosa colección de obras dirixidas ao público infantil), unha ampla sección de dvds (centrada en documentais, cine independiente e cine galego), cds musicais, programas informáticos, publicacións periódicas (xornais e revistas), e unha bedeteca cunha presenza especial da banda deseñada galega.

Eses fondos iniciais cos que se abre o centro serán ampliados de forma paulatina, co obxectivo de garantir unha oferta de títulos sempre actualizada. A Consellaría inviste, entre 2007 e 2008, 500.000 euros na adquisición de fondos, dos cales 300.000 investíronse o ano pasado, e os restantes 200.000 investiranse este ano. Neste momento están traballando xa no centro as 37 persoas que forman o seu cadro de persoal.

Ánxel Casal

A Consellaría decidiu que a nova biblioteca levase o nome de Ánxel Casal, pola súa especial significación para o libro e a cultura galega e para a cidade de Santiago. O Casal naceu na Coruña en 1895, emigrou a Bos Aires, e á súa volta participou de forma activa nos movementos galeguistas e republicanos.

O seu traballo como editor, impresor e libreiro é fundamental para entender o rexurdir da literatura e a cultura galega nos anos 20 e 30 do século pasado. En 1924 cofundou a Editorial Lar e en 1927 creou a Editorial Nós, da que saíron ‘A Nosa Terra’ e a ‘Revista Nós’, ademais de promover e colaborar noutros proxectos editoriais republicanos, galeguistas e sindicalistas daqueles anos.

Militante do Partido Galeguista, foi alcalde de Santiago de Compostela desde febreiro de 1936 ata xullo dese ano. En agosto foi detido e logo asasinado polas forzas golpistas. O seu corpo apareceu nun foxo en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto.

Aposta polas bibliotecas

A apertura da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela encádrase na liña da Consellaría de Cultura e Deporte de converter as bibliotecas galegas en centros culturais integrais. Para conseguir estes espazos o departamento que dirixe Ánxela Bugallo destinou máis de 4 millóns de euros á dotación de fondos, formación de persoal, equipamento, promoción da lectura e informatización dos centros.

Paralelamente desenvólvese o Plan da Lectura que recolle diversas estratexias de apoio ás bibliotecas e que conta cun orzamento de 50 millóns de euros até o ano 2011. Este programa determina o camiño a seguir para incrementar o hábito da lectura e estabilizar aos actores do sector galego, desde libreiros a bibliotecas ou editores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia