Skip to main content

Zaragoza, destino do programa Vivir o mundo

Os rapaces da provincia da Coruña terán a oportunidade de visitar a Expo Zaragoza 2008 durante o vindeiro mes de xullo, a través dunha nova edición do programa “Vivir o mundo”, organizado pola Deputación da Coruña, que en edicións anteriores levou a xóvenes coruñeses a Barcelona, Bruselas, París ou Roma, e que este ano terá como destino a cidade maña.

Durante a viaxe, de catro días de duración, os escolares coruñeses terán a oportunidade de coñecer esta exposición de carácter internacional, que abordará a temática da auga e o desenvolvemento sostible e, ao mesmo tempo, visitar lugares monumentales e emblemáticos desta cidade bimilenaria como “la Basílica del Pilar”, “La Catedral de la Seo”, o “El Palacio de la Aljafería”, ademáis de visitar museos e centros de interese cultural.

Prazo de inscrición ata o 15 de abril

O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, ven de remitir aos 94 alcaldes da provincia unha circular na que se lles informa desta actividade cultural para que, aqueles concellos que desexen participar na mesma, se inscriban antes do vindeiro 15 de abril.

Unha vez coñecido o número de concellos inscritos, a institución provincial realizará o reparto definitivo das prazas ofertadas e establecerá as quendas de asistencia, correspondéndolle en todo caso ás entidades municipais a selección dos rapaces mediante sorteo público.




Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de A Coruña