Skip to main content

Os novos títulos de FP e o proxecto FP Plus, no Forum Orienta 2008

A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación dará a coñecer no Forum Orienta 2008 as principais novidades destas ensinanzas, ao tempo que dará visibilidade á oferta formativa da Comunidade galega en canto a ciclos de grao superior de Formación Profesional, ciclos de grao superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño, estudos superiores de deseño, estudos superiores de conservación e restauración e estudos superiores de música e arte dramática.

O Forum Orienta 2008, con acceso libre e gratuíto, celebrarase desde o próximo martes, 8 de abril, ata o domingo, 13 de abril, no Instituto Ferial de Vigo (IFEVI), co obxectivo de achegar e difundir a oferta de ensino superior en Galicia ao alumnado de bacharelato e de Formación Profesional dos centros de educación secundaria de Galicia. Ao mesmo tempo, este evento está dirixido ao profesorado, orientadores/as, pais e nais e a comunidade educativa galega en xeral. Un total de 136 centros educativos están inscritos para percorrer o Forum, que espera recibir máis de 15.000 visitantes.

Así, no espazo dedicado ás ensinanzas de Formación Profesional estarán representadas as 22 familias profesionais, cada unha co seu posto correspondente, contando cada un deles coa colaboración dun ou máis centros educativos de xeito que estarán ao fronte dos mesmos alumnado e profesorado deses centros. Os visitantes poderán visualizar varias das actividades propias de cada familia profesional, tales como unha fermentación alcohólica e o recoñecemento de aromas do viño, a observación de fitoplancto e zooplancto mediante microscopio, a instalación de aire acondicionado dunha vivenda ou a realización de programas de TV en directo.

A diversidade da oferta formativa dos estudos de Formación profesional, que comprenden 142 titulacións (64 correspóndense cos ciclos de grao medio e 78 cos de grao superior), fai que practicamente todas as actividades profesionais estean representadas nestes estudos.

De FP á universidade

A estreita conexión entre as ensinanzas de Formación Profesional e o mundo laboral obriga a revisar cada certo tempo os contados dos títulos, adecuándoos á realidade das novas técnicas, tecnoloxía ou procedementos do tecido produtivo. Neste senso, e como consecuencia do proceso de adaptación e cambio previsto na Lei Orgánica de Educación (LOE), teñen aparecido 4 novas familias profesionais, como son Enerxía e auga (novas enerxías ou enerxías alternativas), Seguridade e Medio Ambiente, Industrias extractivas, e Artes e artesanías. Os alumnos que se acheguen ao Forum Orienta 2008 poderán coñecer a oferta destas novas familias profesionais, así como todo o relativo aos novos títulos de FP, que, entre outros aspectos, permitirán o acceso a calquera estudo universitario desde calquera ciclo formativo de Formación Profesional de grao superior. Ata o momento, só se podía acceder a determinadas carreiras, segundo o ciclo formativo de grao superior cursado. Ademais, no caso de que ambas ensinanzas estean moi vinculadas, poderase validar desde 60 a 120 ECTS (sistema europeo de transferencia de créditos) dos novos títulos universitarios de grao, equivalente a un ou dous cursos académicos, o que lle favorecerá a continuación nos estudos universitarios ao alumnado dos ciclos formativos.

No mes de setembro de 2008 está previsto implantar os seguintes novos títulos: Técnico en emerxencias sanitarias, Técnico en panadería, repostaría e confeitería, Técnico en mecanizado, Técnico en cociña e gastronomía, Técnico superior en educación infantil, e Técnico superior en laboratorio de análise e de control de calidade.

Ao mesmo tempo, o alumno que accede a un ciclo poderá obter o certificado de prevención de riscos laborais de nivel básico e o carné profesional cando se requira para exercer a correspondente profesión, contribuíndo deste xeito á mellora do acceso ao emprego.

Fomento da cultura emprendedora

Un dos espazos destacados no Forum Orienta deste ano será o que albergue o proxecto FP Plus, unha iniciativa innovadora da Administración educativa galega que busca promover entre o alumnado de Formación Profesional iniciativas emprendedoras, así como fortalecer a mentalidade emprendedora fomentando valores empresariais e a creación dunha conciencia positiva de cara á asunción de riscos. Este proxecto consta de catro programas: FP idea, que é un concurso de ideas innovadoras e proxectos empresariais; FP Simula, un programa de creación de empresas virtuais nas aulas; FP Avanza, un seminario de formación e de visitas guiadas a empresas; e FP Emprende, un programa de creación de empresas en Formación Profesional.

Ademais, os visitantes que percorran o Forum Orienta poderán obter información sobre as ensinanzas artísticas superiores que se poden cursar na Comunidade galega. Estes estudos teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da música, a arte dramática e as artes plásticas e o deseño. Galicia contan a actualidade con dous conservatorios superiores de música, catro escolas de arte e superiores de deseño, unha escola superior de arte dramática e unha escola superior de conservación e restauración de bens culturais.

Técnicos da Consellería de Educación informarán aos asistentes sobre as novidades que trae a LOE para estas ensinanzas, na que se establece que estes estudos quedan enmarcados no Espazo Europeo de Educación Superior, un marco que implica que estes centros poderán ofertar nun futuro estudos de posgrao, así como desenvolver programas de investigación e mesmo establecer convenios coas universidades para a organización de estudos de doutoramento propios das ensinanzas artísticas.

Información sobre títulos e actividades paralelas

Entre as novidades desta feira do ensino superior de Galicia para este ano destaca a celebración do acto de entrega de premios Fin de Carreira de Galicia aos alumnos con mellores expedientes nas universidades do SUG, e as visitas organizadas a dous barcos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, que se instalarán no porto de Vigo e no que os estudantes desta Escola amosarán aos asistentes as características das naves nas que eles realizan prácticas. Ademais, terán a posibilidade de facer un percorrido pola ría.

Así mesmo, haberá simulacros de realidade virtual, loitas de robots e actividades relacionadas coa investigación mariña. Tamén como novidade, o Forum Orienta presentouse dentro da Feira Aula (Salón internacional do estudante e da oferta educativa), que se está a celebrar no IFEMA (Institución Ferial de Madrid) do 2 ao 6 de abril.

O Forum Orienta 2008 ofrecerá aos visitantes toda a información sobre a oferta de ensinanzas universitarias, artísticas e dos ciclos formativos de grao superior, achegando de xeito individual oriantación sobre as liñas de bolsas, axudas, premios ou residencias para o alumnado que accede a estas ensinanzas. Ademais, dentro do Forum Orienta difundiranse as posibilidades das estadías formativas no estranxeiro, facilitarase información sobre as probas de acceso á universidade e divulgarase o papel das universidades e da formación profesional na promoción científica e tecnolóxica de Galicia.

Na área de actividades, os visitantes poderán participar nas demostracións, charlas, mesas redondas e proxeccións que se organicen. O alumnado asistente e os profesores acompañantes recibirán unha bolsa que contén diverso material informativo; ademais, toda a información relativa ao Forum Orienta ’08 pode ser consultada no seguinte enderezo: www.forumorienta.es

O Forum Orienta 2008 está organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración de Caixanova e a participación das tres universidades galegas, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria