Skip to main content

Rematan as xornadas sobre democracia e educación que se celebraron en Santiago

O conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou que na sociedade española, durante os últimos trinta anos, a maior parte dos conflitos entre normas civís e conviccións relixiosas, en termos xurídicos e de convivencia, téñense producido por novos debates sociais, pola educación e pola inmigración. Méndez Romeu asegurou tamén que o marco xurídico, constitucional e laico significa “un avance” e que, segundo a experiencia dos últimos 30 anos, “é marco suficiente para a resolución de conflitos”. O conselleiro fixo hoxe estas declaracións durante a clausura das xornadas Democracia e relixión organizadas pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Méndez Romeu explicou que a sociedade española, a diferenza das do seu contorno, foi bastante homoxénea xa que estivo conformada ao longo de moitos séculos por un mesmo sistema de valores. Só nos tres últimos lustros comezan a chegar –segundo o conselleiro- continxentes importantes de persoas que proceden de contextos culturais e relixiosos diferentes. Por este motivo, Méndez Romeu afirmou que se produciu unha confrontación co sistema de valores da sociedade española e, ás veces, co sistema xurídico da mesma.

Neste sentido, o conselleiro afirmou que a presenza de continxentes de emigrantes con outros valores relixiosos obriga a unha definición moito máis axustada ao texto constitucional dos mecanismos polos que se actúa e polo quefacer cotiá das Administracións e dos servizos públicos. Neste sentido, Méndez Romeu concretou que se a Constitución proclamou formalmente un estado laico, tamén é certo que durante tres décadas, no mundo institucional e público, deuse a persistencia de prácticas e de usos que dificilmente se correspondían cunha visión dunha Administración e duns poderes públicos totalmente laicos e alleos a calquera tipo de interpretación relixiosa. Por este motivo, segundo o titular de Presidencia, a inmigración é o que está a producir de xeito máis claro a revisión de moitos dos preceptos que ata agora non eran obxecto de cuestionamento.

O conselleiro dixo tamén que os novos valores que propoñen os continxentes de inmigrantes, ás veces, confrontan cos sistemas que se consideran parte do acervo democrático. Probablemente – subliñou o conselleiro- no futuro haberá que defender con máis vehemencia que o imperio da lei civil é o único que pode dar lexitimidade suficiente fronte a interpretacións derivadas dunha visión de multiculturalismo que non pode significar desenvolvementos paralelos con independencia dos sistemas de valores que iso poida significar. “Trátase de temas moi complexos dende o punto de vista xurídico e social e con repercusións na sociedade política e nos servizos públicos”, asegurou.

Novos debates e educación

Méndez Romeu declarou que tamén hai novos debates que xurdiron recentemente no contexto da extensión dos dereitos civís, os cales foron froito da modificación da sociedade española. O conselleiro referiuse deste xeito ao regulamento de unións afectivas entre persoas do mesmo sexo, á interrupción voluntaria do embarazo, aos coidados paliativos, á morte digna e aos problemas derivados das novas técnicas de reprodución asistida. Neste sentido, o conselleiro subliñou que son debates nos que conflúen problemas xurídicos, de bioética, nos que se confrontan os avances da ciencia coa revisión de determinados conceptos que parecían inmutables como a vida ou a morte ou cos dereitos persoais. Méndez Romeu, afirmou que son asuntos que actualmente parece necesario recoñecer e darlles carta de natureza legal con todo o que significa en materia de dereitos e de recoñecementos ante terceiros. O titular de Presidencia mencionou ademais dos conflitos que se dan no ámbito educativo en relación coa relixión e puxo como exemplo da recente polémicas xurdida pola materia de educación e convivencia.

Constitución Española

Méndez Romeu lembrou que no século XX a sociedade española quería semellarse ás sociedades occidentais e ter unha Constitución baseada na lei civil, na separación da Igrexa e do Estado, mentres que en tempos anteriores, como no século XVI, España era un país católico dende o punto de vista da súa sociedade e da identificación desa sociedade cun sistema de valores relixioso. Neste sentido, o conselleiro subliñou que a Constitución Española de 1978 fala brevemente da relixión e da libre elección da formación relixiosa e moral. Méndez Romeu puxo así de manifesto que esta Constitución garante –no seu artigo 16- a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto sen máis limitacións que a orde pública. Establece tamén –segundo o conselleiro- que ninguén será obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas e que ningunha confesión terá carácter estatal, inda que os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia