Skip to main content

Axentes gardacostas participan na Egap nun curso sobre a regulación da primeira venda

Axentes do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participaron entre os días 1 e 10 de abril nun curso sobre a regulación da primeira venda dos produtos da pesca e o emprego de datos estatísticos desta actividade, que se celebrou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.

Esta acción formativa, organizada polo departamento de Pesca en colaboración coa EGAP, buscou dar a coñecer aos destinatarios do curso (principalmente persoal da Consellería) as particularidades da primeira venda dos produtos da pesca e os cambios normativos na regulación da mesma. Ademais, tivo como propósito introducir ao persoal no perfeccionamento do emprego das posibilidades que ofrece a Plataforma Tecnolóxica da Pesca e no uso e tratamento estatístico dos datos que nela figuran.

O programa que se desenvolveu neste curso, de carácter presencial e de 25 horas de duración, incluíu áreas temáticas relacionadas coa normativa reguladora e modalidades da primeira venda; notas de venda e outros documentos; normas de extensión e etiquetado; aplicacións de control de primeira venda, e recollida de notas de venda de pesca fresca, acuicultura e conxelado. Ademais, incorporou outras relacionadas co Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, alternancia de artes en buques de artes menores; así como operacións de xeración e descarga de datos.

Novos cursos en Ferrol, Pontevedra e Santiago

Os vindeiros meses de setembro e outubro o Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, tamén coa colaboración da EGAP, realizará tres accións formativas máis en Ferrol, Pontevedra e, de novo, en Santiago destinados, sobre todo, ao seu cadro de persoal. O obxectivo destes cursos será actualizar, ordenar e harmonizar os coñecementos dos axentes de Pesca en materia de inspección pesqueira.

Nestas accións formativas, tamén de carácter presencial e que neste caso teñen unha duración de 21 horas, abordaranse cuestións relativas á inspección en buques de pesca; o transporte de produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas; os establecementos auxiliares da acuicultura, e a lexislación xeral, europea e estatal concordante.

Formación na loita contra a contaminación e salvamento

Dende a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos estase a incidir de xeito moi importante na formación dos profesionais que integran o Servizo de Gardacostas de Galicia. De feito, ademais do curso que se realiza estes días na EGAP e dos que están previstos desenvolver nos vindeiros meses, cabe sinalar que tamén están a recibir formación vencellada á loita contra a contaminación e o salvamento.

Neste senso, é de destacar que os axentes deste corpo téñense desprazado ata o Centro de Seguridad Marítima Integral Jovellanos de Xixón para completar a súa formación en prevención e loita contra a contaminación. Así mesmo, outros técnicos destes e doutros departamentos implicados no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña participaron en 2007 nas iniciativas que ofrece a escola asturiana, mentres que no mes de xaneiro deste ano se celebraron na localidade de Laxe cursos de Operador Restrinxido do Sistema Mundial de Socorro dirixidos a titulados náutico-pesqueiros e impartidos por profesores do centro asturiano.

Ademais, as tripulacións dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 participaron o ano pasado en cursos de supervivencia aérea no mar dirixidos a dotacións de voo que se desenvolveron en Rota (Cádiz), estando prevista a participación este ano en novas accións formativas neste eido.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia