Skip to main content

A vida, a obra poética e o traballo de Álvarez Blázquez ilustran as Letras Galegas nos centros de ensino

A Barbantesa é o título da exposición elaborada por profesorado e alumnado do IES Armando Cotarelo Valledor, de Vilagarcía de Arousa, para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Xosé María Álvarez Blázquez. O proxecto foi elixido nun concurso convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para todos os centros de ensino de Galicia e consta de 11 carteis con ilustracións e outros tantos explicativos, así como cun caderno de actividades para o alumnado.

A exposición aborda a biografía de Álvarez Blázquez, a súa obra poética, a súa militancia, o seu labor como editor e as súas investigacións arqueolóxicas. O traballo, promovido polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro, contou coa participación dos departamentos de Música, Educación Plástica, Lingua e Literatura Galega, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, e Xeografía e Historia. Precisamente, a convocatoria especificaba que o traballo debía ser interdepartamental e que na súa elaboración estarían incluídos un mínimo de cinco seminarios.

Ademais do profesorado, neste proxecto participaron tamén os alumnos integrantes do equipo de radio do Cotarelo Valledor.

Adaptación para primaria

O xurado, composto polos coordinadores territoriais dos equipos de normalización e dinamización lingüística e por persoal docente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acordou adaptar cinco dos carteis explicativos para a súa exposición nos centros de primaria. O Seminario Permanente de Formación do Profesorado do CEIP Galán, de Arteixo, elaborará unha unidade didáctica tamén destinada aos centros de Primaria.

A exposición gañadora, ademais de enviarse a todos os centros de ensino, será distribuída tamén en todos os concellos galegos, nos centros galegos do exterior, nos centros de estudos galegos das universidades de fóra de Galicia e noutros puntos de interese, como centros culturais, bibliotecas e entidades relacionadas co fomento da lingua galega. Máis de 2.500 puntos recibirán este material conmemorativo da festa das letras.

Este é o segundo ano que se convoca un concurso entre os centros de ensino de Galicia para a elaboración da exposición conmemorativa do Día das Letras Galegas. A convocatoria tivo moi boa acollida, superando amplamente o nivel de participación da edición anterior.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia