Skip to main content

O programa Climántica convértese nunha referencia nacional e internacional

Climántica, o proxecto educativo sobre o cambio climático posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o 8 de febreiro de 2007 converteuse, no seu primeiro ano de vixencia, nun modelo de referencia a nivel estatal e internacional.

O programa da Consellería de Medio Ambiente obtivo o recoñecemento da Oficina Española de Cambio Climático, organismo estatal que o cualificou como proxecto singular en España e modelo a seguir na educación e comunicación fronte ao cambio climático. Como tal, presentouse nun seminario sobre educación e participación fronte este fenómeno que se celebrou en Córdoba en maio do pasado ano.

Na mesma liña, utilizouse o proxecto na formación de expertos de educación ambiental celebrado no Centro Nacional de Educación Ambiental en Segovia.

Climántica ten, ademais, traspasado fronteiras. No ámbito internacional, a Consellería de Medio Ambiente estableceu unha colaboración coa Universidade Pedagóxica de La Habana, mediante o que se establecerá unha experiencia piloto en Ciudad Escolar Libertad, pequena cidade que é un polígono de experimentación da educación cubana. O director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández, desprazouse ata a cidade caribeña para expoñer o proxecto, que estivo apoiado cunha exposición sobre o cambio climático.

Climántica nas escolas e na universidade

O primeiro contacto do programa de cambio climático coa docencia tivo lugar mediante un curso de formación para mestres sobre a primeira das unidades didácticas de Climántica denominada Cambia o clima?, na que participaron 72 profesores. Posteriormente, o programa ampliouse con novas unidades e outro material didáctico; entre eles un traballo que permitiu a creación dunha rede de “Meteoescolas”, na que participan 150 colexios de Galicia que remiten os seus datos a MeteoGalicia.

Climántica, durante o seu primeiro ano de funcionamento, contou coa participación de arredor de 6.000 estudantes de 152 centros de toda Galicia.

Na universidade, o proxecto educativo de Medio Ambiente tivo tamén presenza mediante o desenvolvemento dun curso de posgrado de especialización, no que participaron 50 profesores.

Web exitosa

O proxecto de Climántica exprésase na súa totalidade en internet, a través da súa propia paxina web, á que se pode acceder mediante a través de Medio Ambiente: http://medioambiente.xunta.es. No seu primeiro ano de existencia, a web ten recibido a visita de 40.985 internautas dos cinco continentes, o que é unha mostra máis da grande repercusión deste proxecto educativo do cambio climático.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia