Skip to main content

A familia de Luis Cordeiro recibe a primeira Praca de Honra da Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega á familia de Luis Cordeiro, ex-presidente desta administración, da primeira Praca de Honra da Provincia de Lugo desde a entrada en vigor do novo Regulamento provincial de Honras. O acto de entrega, no que estiveron presentes os representantes de todos os grupos políticos da Corporación Provincial, tivo como protagonista a figura de Luis Cordeiro Rodríguez, ex–Presidente da Deputación de Lugo falecido o pasado 24 de decembro, e a praca foi recibida por unha representación da súa familia.

Nun acto íntimo pero solemne no acceso ó Paraninfo do Pazo Provincial, tal e como pedira a familia de Luis Cordeiro, José Ramón Gómez Besteiro quixo subraiar algúns dos fitos que marcaron a traxectoria deste político: “Grazas ó seu traballo á fronte da Deputación hoxe quero destacar as súas xestións, eses acordos decisivos que abriron o camiño de moitos dos grandes proxectos provinciais”.

O Presidente da Deputación destacou, diante dos fillos e cuñado de Cordeiro, “que el fixo posible a consecución da Facultade de Veterinaria, embrión do que logo foi o Campus Universitario Lucense e que agora nós imos seguir a potenciar; a proxección da Granxa Gayoso Castro, o mesmo lugar onde abriremos o centro de recría de gando; debémoslle a mellora dos centros sanitarios asistenciais –onde dotou a algúns deles, por vez primeira, de pracas solares-; a consolidación do Instituto de Desenvolvemento Lucense e de XESTUR; a construción do Colexio Universitario, da Bibilioteca Pública do Estado e da Deputación e Arquivo Provincial; a incentivación do Museo Provincial, da Fortaleza de San Paio e do Museo de San Ciprián, entre outros”.

Luis Cordeiro, persoa de gran cordialidade, gozaba do respecto e amizade de innumerables persoas. Foi merecedor de varias distincións como, por exemplo, a Medalla de Prata da Cruz Vermella, Socio de Honra de UNICEF ou Comendador da Orde do Mérito Agrícola e do Mérito Civil.

A primeira Praca de Honra da provincia

Conforme ó establecido no capítulo quinto, artigo 12, do Regulamento de Honras e Distincións da Deputación de Lugo, unha vez elaborada e presentada a memoria explicativa necesaria, os méritos fan posible conceder a título póstumo esta distinción a Luis Cordeiro Rodríguez.

Luis Cordeiro naceu o 21 de setembro de 1934 no municipio lucense de Palas de Rei. Estudou Maxisterio, licenciándose posteriormente en Dereito. A súa profesión de mestre exerceuna en diferentes localidades como Monterroso, San Xurxo de Lourenzá, Lugo e, ó redor de 1950, na escola de Santa Cilla de Foz, municipio onde pasou a dirixir un dos institutos.

Afincado nesa localidade da Mariña lucense, en 1967 foi nomeado concelleiro. En 1979 preséntase ás primeiras eleccións democráticas encabezando a lista da UCD, sendo elixido Alcalde de Foz ata que o 26 de abril de 1979 foi proclamado Presidente da Deputación Provincial de Lugo por 14 votos dos 24 deputados asistentes, cargo que ocuparía ata o 8 de xuño de 1983.

Por toda unha vida dedicada ó servizo público que rematou o 24 de decembro de 2007, a súa figura faino merecedor da alta distinción da Praca de Honra da Provincia de Lugo.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo