Skip to main content

Innovación achega 240.000 euros para a creación de oficinas de software libre nas tres universidades galegas

O Consello da Xunta aproba, a instancias da Consellaría de Innovación e Industria, a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellaría e as tres universidades galegas mediante o cal se financiará a posta en marcha e mantemento de oficinas de software libre nos tres órganos educativos. Ademais, establecerase o marco de coordinación co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza. A cantidade que a Consellaría dispón para tal fin é de 240.000 euros.

Polo presente convenio realizaranse as actuacións destinadas á creación e consolidación das oficinas de software libre nas tres universidades que respondan ás seguinte características: que conten cun coordinador a tempo completo responsable da coordinación con outras oficinas de software libre universitarias e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellaría; contar cun coordinador e un equipo de apoio; a creación dun espazo web específico da oficina de software libre universitaria onde se recolla os seus obxectivos, estrutura, contacto e principais actividades; o compromiso de presentar nos dous primeiros meses de vixencia deste convenio un plano anual de actuación da oficina correspondente ao 2008 e 2009; e a proposición de novas iniciativas para o desenvolvemento do software libre no ámbito das súas institucións.

Asemade, tamén se fixará o marco de coordinación e colaboración co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia mediante a creación dunha comisión de coordinación técnica das actividades desenvolvidas polas tres oficinas universitarias de software libre e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellaría. As oficinas tamén terán que incorporar contidos á web de mancomun.org e colaborar na difusión das actividades e información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia