Skip to main content

Pesca colabora con Oceana na investigación dos fondos mariños de Galicia

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, mantivo en San Caetano un encontro co director de Oceana en Europa, Xavier Pastor, e o director de Investigación da devandita organización, Ricardo Aguilar.

No transcurso da reunión, os representantes de Oceana presentaron á Conselleira os seus plans para levar a cabo, nos próximos meses, investigacións dos fondos mariños de Galicia e do Cantábrico. Estes traballos levaranse a cabo, previsiblemente no vindeiro mes de xuño, a bordo do catamarán Oceana Ranger mediante a utilización de mergulladores e un robot submariño con capacidade de inmersión de ata 300 metros.

Carmen Gallego e Antonio García Elorriaga amosaron o apoio da Consellería de Pesca a esta iniciativa, polo cal porán a disposición da organización mariña os medios marítimos dos que dispón o Servizo de Gardacostas. Pola súa banda, toda a información que se obteña no marco desta campaña de investigación será trasladada ao departamento autonómico de Pesca.

Ademais, os representantes de Oceana mostraron o seu apoio á recente creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”, en Lira, e expuxeron a necesidade de declarar novas áreas de rotección ao longo da presente lexislatura para cumprir cos convenios internacionais, como a Convención de OSPAR para a conservación do Nordeste Atlántico, e o Convenio pola Conservación da Biodiversidade de Nacións Unidas.

Neste sentido, a titular de Pesca e o director xeral de Recursos trasladáronlle aos representantes de Oceana Europa que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está a traballar en dous proxectos para crear dúas novas reservas mariñas en augas galegas, en concreto en Cedeira e Celeiro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia