Skip to main content

A Xunta garante que ningún proxecto viable quedará sen financiamento en Galicia

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, asegurou que ningún proxecto de investimento viable quedará sen financiamento en Galicia, grazas ao completo abanico de instrumentos dispostos polo Goberno galego. Entre os apoios directos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Xesgalicia, e os compartidos con institucións como o Instituto de Crédito Oficial (ICO), o Banco Europeo de Investimentos (BEI), ou a Administración Central (incentivos rexionais e Plan Ferrol), mobilizaranse máis de 700 millóns de euros en apoios ao financiamento empresarial que permitirán a realización de investimento por 2.000 millóns de euros. Fernández Antonio, que realizou unha visita á planta de T-Solar Global no Parque Tecnolóxico de Galicia, puxo este proxecto de exemplo do apoio que proporciona o Goberno galego aos proxectos empresariais.

O impulso da Xunta a T-Solar Global, segundo explicou o conselleiro, realízase nun triple sentido. En primeiro lugar, co apoio directo do Igape cunha achega de 5,84 millóns de euros. En segundo lugar, cun aval financeiro tamén do Igape, sobre o 50% dun préstamo de 20 millóns de euros; e en terceiro lugar, cunha participación no capital social do 29% a través de Xesgalicia, a xestora de capital risco participada pola Xunta. “Trátase dun bo exemplo do apoio ao financiamento empresarial que estamos a impulsar dende a Xunta”, explicou o conselleiro. Nesta liña, engadiu, enmarcans3 os convenios con entidades como o ICO (máis de 450 millóns de euros), ou o BEI (30 millóns de euros) para o financiamento en condicións de xuro moi vantaxosas; ou as liñas de préstamos do Igape (40 millóns de euros), as de avais, e as de capital risco (85 millóns de euros).

Proxecto Legufrut

Neste último ámbito, o conselleiro anunciou a recente aprobación por parte de Xesgalicia dunha operación de apoio a un proxecto en Ourense. Trátase da construción dunha planta manipuladora de produtos hortofrutícolas na Central de Transportes en San Cibrao das Viñas (Ourense), promovida pola firma Legufrut. Neste proxecto participará a firma de capital risco pública cunha achega ao capital de 250.000 euros a través do Fondo Emprende. Segundo explicou o conselleiro, o proxecto pode ter unha incidencia moi positiva nas comarcas hortícolas galegas, dinamizando as alternativas de cultivo e mellorando a calidade dos produtos. De feito, a firma pretende chegar a acordos estables con 250 pequenos horticultores que cultivan 75 hectáreas en invernadoiro e ao aire libre.

Na actualidade Legufrut posúe unha flota de 8 camións propios e un equipo de 27 traballadores. Coa nova planta perséguese a homologación e normalización do produto galego, a través do asesoramento e planificación da actividade nas explotacións agrarias levadas a cabo por persoal técnico altamente cualificado de Legufrut. Neste sentido, o agricultor poderá destinar a totalidade dos seus recursos a produción, racionalizando e optimizando os investimentos e incrementando a súa produtividade. Ademais, disporán dun centro loxístico de transporte que permita a recollida de produto en calquera punto de Galicia, a súa almacenaxe, transformación e distribución final, tanto a nivel autonómico, como nacional e internacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia