Skip to main content

Inaugurada a nova Casa das Mariscadoras do Estuario do Río Anllóns

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polas socias da Asociación de mariscadoras do estuario do Río Anllóns (Cabana de Bergantiños), inaugurou as novas instalacións para este colectivo. Trátase dunha infraestrutura demandada por estas profesionais e que é a axeitada para desenvolver a súa actividade marisqueira, tanto no que atinxe ás condicións de traballo, como no desenvolvemento da organización da cadea de produción.

A titular de Pesca da Xunta de Galicia quixo estar presente na inauguración oficial da Casa das Mariscadoras que consta dunha única planta e esténdese nunha superficie de, aproximadamente, 220 metros cadrados. Neste estrutura destacan dúas zonas claramente diferenciadas, unha é a destinada a local para depuración, manipulación e almacenaxe de moluscos, así como para vestiarios do persoal e un local para oficinas. Doutra banda atópase unha área na que se ubica unha aula-sala de xuntas, un taller, un almacén para materiais, aparellos de traballo e instalacións varias, así como os aseos.

Tal e como resaltou Carmen Gallego no transcurso do acto de inauguración, no deseño do edificio tívose moi en conta a súa integración no entorno. Deste xeito, aproveitouse o importante desnivel que presentaba o terreo no que se sitúan as novas instalacións para realizar unha cuberta axardinada.

A Asociación de mariscadoras do estuario do Río Anllóns solicitou a axuda para esta infraestrutura presentando un proxecto na Consellería ao amparo dunha orde de axudas para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal. Para levar a cabo esta obra o departamento de Pesca achegou un importe total de 149.500,27 euros.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos conta para este ano 2008 cun orzamento total de 8,2 millóns de euros para desenvolver plans de infraestruturas portuarias que buscan dotar ao sector pesqueiro e marisqueiro dos equipamentos e infraestruturas necesarias para poder realizar o seu traballo nas mellores condicións, así como para mellorar os procesos de produción e comercialización dos recursos mariños.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia