Skip to main content

Os concellos de Teo e Carral reeditan un texto de Álvarez Blázquez

Os concellos de Teo e Carral reeditan un texto de X. M. Álvarez Blázque, autor homenaxeado o día das Letras Galegas. A publicación que leva por título Berro en Lembranza dos Herois de Carral son as palabras do autor ditas diante da Federación de Mocedades Galeguistas de Pontevedra en 1934. Trátase dun discurso no que se realiza unha homenaxe aos coñecidos como mártires de Carral, os oficiais asasinados despois da Batalla de Cacheiras en abril de 1846.

O departamento de Cultura, a través da súa concelleira Carme Hermida, apostou por reeditar un texto que lembra un feito histórico como a Batalla e aos homes que foron asasinados en Carral. O texto de Álvarez Blázquez reeditase co permiso da familia e colaboración do concello de Carral e da Real Academia Galega.

Cunha tirada de 3.000 exemplares a publicación mantén a portada e a contraportada orixinal conforme se publicou no ano 34 pola Federación de Mocedades Galeguistas de Pontevedra. O concello de Teo considerou acertado poñer en valor un texto do autor ao que se lle adica este 2008 o día das Letras Galegas que recolle parte da historia do municipio. Deste xeito, como aparece na contraportada do libro “queremos conmemorar con esta publicación o 162 aniversario da Batalla de Cacheiras e dos Fusilamentos de Carral e, asemade, participar na homenaxe que polo Día das Letras Galegas se lle fai a D. Xosé María Álvarez Blázquez”.

A presentación do libro farase o próximo sábado tres de maio na casa do concello a partir das 20,00 horas e contará coa presenza de representantes das institucións implicadas na edición, os concellos de Teo e Carral e a Real Academia Galega.

Departamento de Comunicación do Concello de Teo