Skip to main content

Informe sobre o estado da aplicación do Plan de Reactivación do Sector Pesqueiro

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o Secretario General del Mar do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Juan Carlos Martín Fragueiro, informaron en rolda de prensa sobre o estado da aplicación do Plan de Reactivación do Sector Pesqueiro, despois de manter sendas reunións co representantes da frota de arrastre de litoral e do Gran Sol. Trátase dunha medida que foi aprobada polo Consello de Ministros do Goberno español o venres, día 18 de xaneiro.

O obxectivo desta actuación, que conta con 236 millóns de euros de orzamento, é contribuír, a través de préstamos do Instituto Oficial de Crédito, á mellora da competitividade do sector pesqueiro extractivo español, que se enfronta a unha complexa situación para adecuarse aos impactos de carácter económico, como o incremento no prezo do combustible, así como social, tecnolóxico e medioambiental que inciden directamente na súa actividade. Para iso, o Plan de Reactivación contempla a subscrición de convenios de colaboración coas organizacións, asociacións e cooperativas de armadores e as federacións de confrarías de pescadores que actuarán como colaboradoras para o desenvolvemento desta medida a nivel estatal para o ano 2008.

Neste sentido, e segundo explicou o Secretario General del Mar, actualmente xa se teñen subscrito convenios de colaboración con algunhas das entidades asociativas do sector pesqueiro, que actúan como colaboradoras da Administración para a xestión do Plan de Reactivación e dos créditos que contempla. De feito, anunciou que a día de hoxe unha parte importante do sector pesqueiro español e, en concreto o galego, están traballando xa para acollerse a esta liña de financiamento. Así mesmo, animou ao resto de organizacións do sector galego a presentar proxectos de traballo para facer efectivo este Plan de Reactivación o antes posible.

Entre as accións que contempla a iniciativa do Goberno central destacan a mellora da competitividade das empresas armadoras relativas á produción transformación e comercialización dos recursos pesqueiros. Así mesmo, ao amparo desta medida, impúlsanse accións colectivas destinadas a contribuír de forma sostible á xestión e conservación dos recursos, promover métodos e artes de pesca selectivos e reducir as capturas accesibles, mellorar as condicións de traballo e de seguridade, mellorar a calidade e seguridade dos alimentos, impulsar a creación de organización de produtores, entre outros.

Amais disto, esta iniciativa establece a aplicación dunha política de calidade e valoración dos produtos pesqueiros, o desenvolvemento de novos mercados e a realización de campañas de promoción para os recursos da pesca extractiva. Do mesmo xeito, contempla a execución de accións piloto sen carácter comercial levadas a cabo en cooperación con organismos científicos e técnicos e a realización de inversións de modernización e selectividade dos buques pesqueiros cunha antigüidade superior a cinco anos, sempre que non se aumente a capacidade pesqueira dos buques.

Así mesmo, tamén se prevén actuacións para favorecer a competitividade do persoal mediante a mellora das aptitudes profesionais, a reconversión profesional asegurando o emprego sostible e reforzando o papel das mulleres e as políticas de conciliación da vida familiar e laboral. Do mesmo xeito, fomentará a execución de accións relativas ao fomento da investigación tecnolóxica, desenvolvemento e innovación no ámbito do sector.

Nesta liña, a Conselleira de Pesca lembrou que tanto o Goberno español como o galego están a poñer todo o que teñen ao seu alcance para acadar o obxectivo común de lograr mellorar a competitividade do sector da pesca en España, e en concreto en Galicia. Así, recordou as iniciativas de investigación encamiñadas a buscar enerxías alternativas ante o incremento no prezo dos combustibles que se están a desenvolver por parte de ambas administracións, ou as accións relacionadas coa mellora na comercialización dos produtos da pesca. Con respecto a estas últimas, destacou que o sector ten que traballar na mellora dos procesos de transformación, xa non só en terra, se non tamén a bordo dos buques, así como en darlle un valor engadido aos produtos do mar. Neste sentido, sinalou que xa existen importantes proxectos, postos en marcha polo sector, que seguen esta liña de actuación.

Outras cuestións

Por outra banda, a Conselleira de Pesca e o Secretario General del Mar aproveitaron a reunión para anunciar ao sector que as dúas ordes de axudas á paralización temporal derivadas dos plans de recuperación da frota de arrastre de litoral e a do Gran Sol, correspondentes a 2007, sairán publicadas a vindeira semana no Boletín Oficial do Estado. A primeira destas ordes, que afectaría á frota do Gran Sol sometida ao Plan de Recuperación da Pescada, está dotada de preto de 5,5 millóns de euros. A segunda destinarase a armadores e tripulantes do arrastre de litoral afectados polo Plan de Recuperación da Pescada e a Cigala Sur e conta cunha dotación aproximada de 4,5 millóns de euros.

Por outra parte, o sector pesqueiro representante da frota do arrastre e do Gran Sol que participou nas dúas reunións celebradas, presentaron á Consellería de Pesca e á Secretaría General del Mar do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, un plan de axuste do esforzo pesqueiro, que se traduce nun plan de axuste da frota de carácter voluntario, co obxectivo de mellorar a rendabilidade das empresas.

Con respecto a esta iniciativa, tanto Carmen Gallego como Juan Carlos Martín Fragueiro comprometéronse a estudiala, aínda que quixeron deixar constancia de que a filosofía de ambas as dúas administracións non é a de reducir frota por reducir, se non facelo en base a unha análise estrita da situación de cada segmento de frota para establecer un plan axustado.

Ambas autoridades resaltaron que a filosofía do propio Fondo Europeo da Pesca establece dentro dos seus eixos básicos medidas de adaptación da frota comunitaria, para o cal existe unha dotación orzamentaria.

En referencia ao FEP, a Conselleira de Pesca quixo lembrar que o seu departamento xa está a pór en marcha todas as normas que teñen que ver co novo fondo comunitario e resaltou que o Diario Oficial de Galicia publica unha orde pola que se establecen as normas reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros, unha medida que conta con máis de 14,1 millóns de euros. Segundo manifestaba Carmen Gallego, o obxectivo é axustar a capacidade de pesca daqueles segmentos de frota que están a traballar en caladoiros ou con especies sometidas a plans de recuperación.

Todas estas cuestións foron explicadas de xeito pormenorizado pola Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos e o Secretario General del Mar aos representantes do sector do arrastre de litoral e do Gran Sol, cos que mantiveron sendas reunións. Nestas xuntanzas tamén participaron a responsable financeira do Igape e os directores xerais de Estruturas da Consellería e do Ministerio, así como o responsable de Recursos Mariños do departamento que dirixe Carmen Gallego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia