Skip to main content

Santiago de Compostela acolle en setembro Edutec 2008

O Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC e a área de e-Learning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellaría de Innovación e Industria, organizan, coa colaboración do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) a XI Edición do Congreso internacional Edutec 2008. Esta edición de EDUTEC que conta cunha tradición de máis dunha década en España e Iberoamérica celebrarase baixo o lema “As TIC ponte entre culturas; Iberoamérica e Europa” en Santiago de Compostela os días 3,4 e 5 de Setembro.

Este evento científico enmárcase dentro das actividades da Asociación para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das novas tecnoloxías aplicadas á educación (EDUTEC). Asociación esta sen ánimo de Lucro con presenza desde hai máis dunha década en máis de 20 Universidades Españolas e de Iberoamérica, entre as que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela.

Preténdese nesta edición poder resaltar as posibilidades que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ofrecen para promover o traballo en rede e construír unha sociedade do coñecemento participativa e inclusiva. Por todo iso anímase aos membros da comunidade universitaria a compartir as súas experiencias innovadoras de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na docencia universitaria pois este tópico constitúe un dos eixes temáticos do congreso.

A participación en EDUTEC 2008 combinará dous niveis: presencial e virtual. Os congresistas poderán asistir de forma presencial ou virtual ao evento. Disporá dun contorno en rede onde nos atoparemos na distancia con aquelas persoas que só participen de forma virtual. Todos os participantes estarán inscritos neste contorno virtual e terán acceso a todas as comunicacións, pósteres e relatorios neste espazo que integrará actividades de intercambio e debate en cada eixe temático do Congreso.

O prazo de presentación de comunicacións e pósteres permanecerá aberto desde o 1 de maio ata o 30 de xuño.

Para máis información consultar a web oficial do congreso www.usc.es/edutec
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia