Skip to main content

Pesca expón en Estonia as características dos grupos de acción costeira

O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Miguel Ángel López Sieiro, participa nun seminario sobre o Eixo Prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca (FEP), organizado polo Ministerio de Agricultura do Goberno de Estonia, e que leva por título Aprendendo das experiencias doutros. No marco deste encontro Miguel Ángel López Sieiro impartiu un relatorio sobre o estado de aplicación dos Grupos de Acción Costeira (GAC) que se porán en marcha en Galicia ao amparo do regulamento comunitario e para os que a nosa Comunidade Autónoma conta con 40 millóns de euros.

O citado seminario contou con representantes do Ministerio de Agricultura de Estonia, de Dinamarca e Letonia, así como una ampla presencia de pescadores estonios, aos que se lles trasladou a experiencia galega e as actucións que se prevén desenvolver en Galicia ao amparo do Eixo Prioritario nº4 dos FEP.

O devandito Eixo, considerado estratéxico, ten por obxectivo estimular a creación de novas fontes de ingresos sostibles e dun incremento apreciable da calidade de vida nas comunidades e zonas pesqueiras. Para iso é necesario proporcionar as ferramentas necesarias a aqueles axentes económicos e sociais que mellor comprenden os problemas e retos das comunidades pesqueiras co fin de adoptar as solucións ás súas necesidades reais.

Neste sentido, na charla impartida hoxe, o secretario xeral da Consellería de Pesca puxo de manifesto que a aplicación deste eixo prioritario está moi avanzado en Galicia, de feito en breve sairá publicada unha orde pola que se crearán os Grupos de Acción Costeira nas áreas do litoral galego. Ademais, engadiu que actualmente técnicos da Consellería de Pesca están a manter xuntanzas cos axentes económicos e sociais destas zonas co fin de animalos a que constituír estes grupos.

Miguel Ángel López Sieiro fixo especial mención no seu relatorio ao Anteproxecto do que será a nova Lei de Pesca que recolle o novo escenario internacional, europeo, estatal e autonómico en materia pesqueira e tamén a filosofía dos novos fondos comunitarios. Tamén explicou que a nova norma prevé a creación da Axencia de Desenvolvemento Sostible das Zonas de Pesca e a regulación do Turismo Mariñeiro, que obedece á necesidade de contar cun instrumento que permita fomentar e coordinar o desenvolvemento das zonas e poboacións mariñeiras galegas, seguindo a liña do Eixo nº 4. Trátase de lograr un desenvolvemento integral da pesca, así como procurar as melloras necesarias na calidade de vida das poboacións pesqueiras.

Creación dos Grupos de Acción Costeira

Para o representante da Consellería de Pesca a importancia estratéxica do Eixo prioritario nº 4 do FEP reside en que cambia o centro de decisión, esixe unha participación activa do sector pesqueiro, impulsa unha orientación integradora e axuda a dar solucións aos problemas das poboacións costeiras como o abandono da actividade, a diversificación da actividade pesqueira, a divulgación e a conservación do patrimonio mariño e do medio ambiente ou a política de igualdade entre homes e mulleres.

Ademais, destacou que a intención deste Eixo é o desenvolvemento das zonas de pesca co obxectivo primordial de mellorar as condicións de vida dos mariñeiros que alí residen. Do mesmo xeito, resaltou que representa un cambio na filosofía dos fondos comunitarios, posto que non só inclúe o aspecto económico senón tamén social.

López Sieiro dixo que deberá priorizarse a creación dun grupo por cada una das sete zonas costeiras establecidas en Galicia en base a diferentes criterios de selección como ser zonas formadas por municipios dedicados á pesca ou con baixa densidade de poboación. En base a isto establecéronse a Zona 1 Mariña Lucense e Ortegal, Zona 2 Golfo Ártabro, Zona 3 Costa da Morte, Zona 4 Seno de Fisterra-Muros e Noia, Zona 5 Ría de Arousa, Zona 6 Ría de Pontevedra e Zona 7 Ría de Vigo-A Guarda.

O secretario xeral tamén manifestou que os grupos estarán formados polo sector pesqueiro, social, económico e público destas áreas litorais. Para que estes poidan ser elixidos, deberán presentar un Plan Estratéxico Zonal, o documento base para a futura execución de proxectos en cada zona, no que se deberá indicar o peso que se dá a cada unha das medidas que pretendan desenvolver, así como o cadro financeiro correspondente. Así mesmo, destacou que se habilitarán liñas de axudas para que entidades, asociacións ou particulares, en cumprimento dos obxectivos do Plan, poidan presentar e executar proxectos.

Na súa conferencia enumerou algúns dos obxectivos que terán que cumprir os Grupos de Acción Costeira. Entre eles, servir aos socios de centro receptor, canalizador e distribuidor de toda a información relativa ao campo de acción do desenvolvemento local e rexional, centrándose principalmente na prospección e coñecemento das dotacións, recursos e proxectos existentes en cada momento que sexan de interese para eles. Tamén actuarán como factor de sensibilización das administracións entidades públicas e privadas, así como das institucións comunitarias europeas, co obxecto de poder optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos da zona de cara ao seu desenvolvemento armónico, equilibrado, sostido e integral. Así mesmo, fomentarán impulsarán, programarán e colaborarán en actuacións dirixidas ao fortalecemento da competitividade da zona pesqueira.

Mar de Lira

O secretario xeral da Consellería de Pesca non é o único conferenciante galego presente neste seminario. Tamén asistiron representantes da Confraría de Pescadores de Lira que durante a xornada de mañá explicarán os detalles sobre a creación, os obxectivos e os retos acadados co proxecto “Mar de Lira”. Esta iniciativa levada a cabo nesta localidade tomouse en consideración para este encontro por tratarse dunha experiencia que, aínda que se puxo en marcha antes de que nacera o Fondo Europeo da Pesca, é un claro exemplo da filosofía do Eixo nº 4.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén apoiando as diferentes accións que se inclúen dentro deste amplo proxecto e que están encamiñadas a promocionar novos modelos de pesca responsable, dinamizar o ámbito da pesca de baixura ou artesanal desta zona, así como impulsar os valores de coñecemento, respecto e defensa do medio ambiente.

O foro que se celebra en Estonia forma parte do ciclo de conferencias sobre o Eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca que se veñen desenvolvendo en diferentes cidades comunitarias como Porto (Portugal), Sevilla (España), Marsella ou Tallin (Estonia) co fin de intercambiar experiencias, documentación e normativa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia