Skip to main content

Alumnos da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol realizan prácticas nos buques de apoio e salvamento de gardacostas

Os alumnos da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (EONP de Ferrol), dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, veñen realizando prácticas a bordo dos buques de apoio e salvamento Sebastián de Ocampo e Irmáns García Nodal do Servizo de Gardacostas de Galicia. O obxectivo destas accións, que escomezaron a pasada semana e que continúan nos próximos días, é achegar aos estudantes do centro as novas tecnoloxías empregadas en áreas tan importantes como a navegación, manobra, seguridade e prevención contra a contaminación mariña.

A EONP de Ferrol establece, dentro da súa programación formativa anual, un espazo de tempo dedicado ao desenvolvemento de actividades prácticas a bordo de buques de diferentes características. Así, un dos fins que se busca coa formación marítima da escola é achegar aos alumnos a aqueles centros de traballo que poidan ser un referente no seu futuro profesional.

Neste sentido, e cunha programación intensiva de dúas semanas, un total de 35 estudantes do Ciclo Superior de Navegación, Pesca e Transporte Marítimo; o Ciclo Superior de Supervisión e Control de Máquinas do Buque, e do Curso de Patrón Costeiro Polivalente poden familiarizarse coas instalacións duns buques, o Sebastián de Ocampo e o Irmáns García Nodal, que contan con equipamento avanzado nas áreas de ponte e de máquinas. Todo isto baixo a coordinación e o seguimento de dez profesores de diferentes especialidades, así como polos membros do equipo directivo do centro.

Estas clases prácticas desenvolvéronse no Sebastián de Ocampo e tamén realizaranse no Irmáns García Nodal. As prácticas estanse a desenvolver no peirao da Ría de Ferrol, na Ría de Ares e, tamén, na enseada da Coruña. Durante o itinerario da navegación os alumnos teñen que identificar e analizar o funcionamento do equipamento de a bordo orientados pola tripulación oficial destes barcos e pola programación da aprendizaxe que os profesores do centro encomendan a cada un.

Así mesmo, durante o desenvolvemento destas actividades formativas a bordo das embarcacións realizarán simulacros de extinción de incendios, abandono de buque e “home ao mar”, prevención da contaminación mariña e, tamén, manobras de goberno.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia