Skip to main content

Xóvenes creadores galegos presentan o primeiro volume de Historias de Galiza

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentou no Centro Galego de Arte Contemporánea, o libro Historias de Galiza, un volume que recolle os relatos de 5 xóvenes creadores galegos en banda deseñada. Son historias de ficción que aluden ao período comprendido entre o mesolítico e a conquista romana.

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, explicou que, con esta actuación, a dirección xeral de Xuventude e Solidariedade pretende, por unha banda, potenciar, facilitar e promover o importante nivel creativo que se está a dar en Galiza entre os xóvenes autores de banda deseñada, e por outra, situar a historia do noso país coma un contexto válido para a creación de ficción.

O libro que hoxe se presentou é o primeiro dos cinco volumes sobre a historia de Galiza que vai editar Difusora de Artes e Ideas co patrocinio da dirección xeral de Xuventude. Neste primeiro volume, que ten unha tirada de 3.000 exemplares, participan cinco xóvenes autores de banda deseñada: Idoia de Luxán Vázquez, Jerónimo Piñeiro de Castro, Juan Luís Pérez, Carlos Alfonso Fernández, Jaime Eizaguirre. Nos seus relatos dan vida a cinco historias de temáticas e estilos diferentes, escritas en base ao guión de Carlos Rafael de Ramos.

O libro recolle, na súa parte final, unha pequena reseña histórica sobre as diferentes épocas nas que se desenvolven as historias, ademais de darlle a esta obra de banda deseñada un aspecto engadido no formativo. Neste senso, Cela resaltou que “Historias de Galiza” é unha obra que combina o disfrute do cómic coa aprendizaxe da historia do noso país, desde o mesolítico ata a actualidade.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia