Skip to main content

Liste, pronunciado Líster, seleccionado para o catálogo Docs Galicia 2008

O 14 de marzo comezaba o seu camiño a segunda edición do Programa Docs Galicia coa publicación da súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e o 30 de abril reuniuse a comisión de selección que, logo dun debate no que se avaliaron todas as obras documentais inscritas, decidiu por unanimidade os documentais que van formar parte do catálogo DOCS GALICIA 08.

Nesta ocasión, presentáronse máis de 10 documentais, dos que finalmente 4 resultaron afortunados:

1) Liste, pronunciado Líster de Nós, Productora Cinematográfica Galega
2) Barreiros, motor humano de La Región, S.A.
3) Kalapattar, aos pés do monte Everest de Ficción Producciones
4) Manuel e Elisa de Tic Tac Producciones

Na reunión, os membros da comisión salientaron o elevado nivel técnico dos proxectos presentados, que en cada edición é mellor.

Con esta selección, o Consorcio Audiovisual de Galicia pretende abranguer as distintas “fiestras” do mercado audiovisual.

Para levar a cabo a difusión no resto do Estado e internacionalmente do programa elaborarase un catálogo que conterá dous DVDs que presentarán as obras en versión orixinal con subtítulos en castelán, inglés e francés. Ademais dos DVDs tamén se achegará unha ficha individual para cada documental que incluirá ficha técnica, sinopse e biofilmografía do director en galego, castelán, inglés e francés.

Cabe salientar que este ano a práctica totalidade dos proxectos presentados tiñan como lingua orixinal o galego, polo que nesta ocasión a nosa lingua viaxará máis alá das nosas fronteiras.

Nesta edición as produtoras dos documentais seleccionados recibirán unha axuda para a promoción e difusión en mercados e festivais nacionais e internacionais dos seus documentais, cun importe máximo de 4.500 euros.

Ao igual que na primeira edición de Docs Galicia, esta segunda difundirase nos festivais de documentais máis importantes do resto de Estado e tamén nos internacionais (Europa e América fundamentalmente). Así mesmo, e atendendo a vertente cultural deste programa, o catálogo se fará chegar a máis de cincuenta medios de comunicación e institucións culturais (centros educativos, institucións e organismos galegos, filmotecas e institucións estatais con sede no Estado español e internacionalmente) ademais de atender todas as peticións que do mesmo se reciban.

A comisión estivo conformada por tres expertos do sector, Elena Mera Dios, actualmente responsable de vendas de Plural Entertainment e cuxa traxectoria profesional no ámbito da distribución vai para 12 anos, traballando o xénero documental en distintas empresas os últimos sete. Así mesmo, participa como conferenciante experta en distintas xornadas informativas do eido audiovisual en Galicia, Andalucía e Madrid e compaxina o seu labor de distribución co de docente na Escuela TAI de Madrid impartindo un dos módulos do Curso de Cine e Documental; Diego Más Trelles, cuxa vinculación co audiovisual abrangue a produción e a dirección, a presentación de programas de televisión como Documenta2, ademais de ser membro do European Documentary Network e xurado de distintos festivais de documentais e ex-presidente de Docu Madrid e finalmente, Ángel Sánchez, que leva anos dedicándose á produción de eventos no ámbito da publicidade e no audiovisual, ademais de traballar no mundo da televisión e desde hai catro anos é co-director do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, o cal vai a máis ano tras ano.

Tanto Elena Mera como Diego Más Trelles repetiron a súa colaboración co Consorcio como membros da comisión do Programa Docs Galicia e a incorporación de Ángel Sánchez responde á intención do Consorcio de incrementar a colaboración con este festival galego de documentais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia