Skip to main content

Presentados os orzamentos na Deputación Provincial de Lugo para o ano 2008

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, presentou os orzamentos correspondentes ás Áreas Gobernadas polo BNG na Deputación de Lugo para o ano 2008. Durante a presentación, na que tamén participaron o presidente da entidade, Gómez Besteiro, e a deputada delegada de facenda e economía Rexina Polín, Antón Bao resaltou o cambio na filosofía dos orzamentos das áreas de Cultura, Deportes, Benestar Social e Turismo respecto a etapas anteriores da Deputación. Bao salientou o carácter participativo dos orzamentos destas áreas poñendo de manifesto os múltiples contactos mantidos co tecido asociativo. Segundo vicepresidente Antón Bao “estes orzamentos foron elaborados por e para a xente” con esta afirmación Bao fixo referencia á grande responsabilidade social que soportan as áreas nas que o BNG ten responsabilidades de goberno na Deputación de Lugo.

Antón Bao destacou o protagonismo que os concellos van a ter a través da execución destes orzamentos. Este apoio materializarase coidando de xeito especial as actuacións a desenvolver naqueles concellos con menores posibilidades económicas, atendendo ás características xeoeconómicas e sociais específicas de cada un deles. Bao lembrou, tamén, o papel que a Deputación debe de xogar dentro das políticas globais que se deseñan, para o país, desde a Xunta de Galiza. A Deputación apoiará, tamén, o campus de Lugo como motor do desenvolvemento cultural e educativo fundamental para o futuro de Lugo.

Na presentación dos orzamentos Antón Bao sinalou que haberá proxectos concretos para levar a cabo desde as áreas de Benestar, Cultura, Deporte e Turismo que se ven plasmados nunha liña orzamentaria propia. Estes orzamentos será o xerme de unha política programada para catro anos nos que a Deputación porase ao servizo dos concellos e do asociacionismo para recuperar, potenciar e situar no século XXI ás diferentes comarcas de Lugo no lugar que lles corresponde.

OS ORZAMENTOS CONTEMPLAN 335.000 PARA A UNED

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, resaltou que a posta en marcha dun centro asociado da UNED en Lugo foi unha aposta política que se materializou de xeito inmediato tras a chegada do BNG ao goberno da Deputación. A apertura do centro da UNED en Lugo era unha reivindicación histórica dos máis de 1000 alunos e alunas que se vían obrigados a cursar os seus estudos noutros centros por mor da falta de entendemento entre as diferentes administracións. Antón Bao, lembrou que a Área de Cultura contempla nos seus orzamentos para o ano 2008 un total de 335.000 euros para o centro asociado de Lugo e para as tres aulas dependentes da UNED. Ó centro asociado da cidade de Lugo asignaránselle, para o seu funcionamento, 260.000 euros. A Área de Cultura colaborará, tamén, na financiación económica para o mantemento das aulas xa existentes nos concellos de Foz, Viveiro e Monforte que ata hoxe foron costeadas polos propios Concellos.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo