Skip to main content

Educación fomenta as actividades de divulgación científica nas universidades galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do xoves, 22 de maio, axudas ás universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para a organización de congresos, simposios, xornadas e similares que favorezan a produción, divulgación e intercambio do coñecemento científico, así como a proxección da actividade de investigación universitaria, tanto no ámbito local como no nacional e internacional. A Administración educativa autonómica destina 150.000 euros para esta iniciativa.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria realizaranse no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2008 e deberán estar avaladas por un profesor ou investigador das universidades galegas, en calidade de responsable ou coordinador do congreso ou reunión científica.

As axudas concedidas consideraranse individualmente por proxectos presentados, non por universidade solicitante. Así, as solicitudes presentaranse no prazo de 31 días naturais contados a partir do venres, 23 de maio.

A comisión avaliadora elaborará a relación de beneficiarios, segundo os seguintes criterios de selección: para a modalidade de congresos, valorarase o ámbito de repercusión entendido como o impacto directo sobre o ámbito científico de que se trate, a relación do evento con actividades ou proxectos científicos vixentes e de relevancia no ámbito do SUG, a traxectoria científica do investigador ou grupo propoñente no ámbito da actividade proposta, a solvencia e prestixio da entidade, a calidade dos intervenientes e relatores, e a relevancia científica do tema formulado.

No caso da modalidade de simposios, xornadas e seminarios, a comisión avaliadora terá en conta o ámbito de repercusión entendido como o impacto directo sobre o eido científico de que se trate e a incidencia do evento noutros ámbitos próximos e no contorno social, valorando o seu impacto e visibilidade no gran público; a relevancia científica do tema formulado; a relación do evento con actividades ou proxectos científicos vixentes e de relevancia no ámbito do SUG; a traxectoria científica do investigador ou grupo propoñente no ámbito da actividade proposta; e a calidade dos intervenientes e relatores.

A partir da selección efectuada pola comisión, esta asignará as axudas correspondentes que oscilarán entre os 1.500 e os 6.000 euros en función do carácter (congreso periódico ou simposio) e o ámbito (nacional ou internacional) da actividade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria