Skip to main content

Xunta e hosteleiros constituirán unha mesa permanente sobre as necesidades do sector

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e os representantes da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, CEHOSGA, acordaron formalizar unha mesa de traballo permanente para debater sobre os desafíos e necesidades do sector e para incidir na formación dos empregados. O obxectivo desta iniciativa é apostar, entre outras medidas, tanto pola formación continua dos traballadores coma dos propios empresarios hostaleiros.

Así se acordou nun encontro mantido entre o titular do Goberno galego e a delegación de CEHOSGA, encabezada polo seu presidente, Juan Silva Alvite, no que tamén participaron representantes de asociacións de hostalería e restauración de Ourense, A Coruña, Santiago e comarca, Lugo, Pontevedra e Arousa. Na xuntanza, ambas as partes incidiron na necesidade de que haxa dirixentes ben preparados e tamén man de obra profesional e cualificada, cunha reciclaxe continua dos traballadores que levan tempo no sector da hostalería e achegan unha grande experiencia. A este respecto, os empresarios do sector da hostalería valoraron positivamente a existencia da formación profesional regrada neste eido.

Potenciar o turismo de congresos e de convencións

Durante a reunión, tanto Emilio Pérez Touriño como os representantes hostaleiros avogaron por potenciar o turismo de congresos e de convencións na comunidade galega. Neste obxectivo xa está a traballar o Goberno galego coa finalidade última de lograr desestacionalizar o turismo que chega ata Galicia e captar de xeito permanente novos clientes.

Durante o encontro desta mañá, tanto Emilio Pérez Touriño como os propios empresarios do sector coincidiron na necesidade de protexer e educar aos máis novos ante o consumo abusivo de alcohol. Ambos manifestaron a súa preocupación ante o fenómeno do botellón e consideraron que a educación é a clave para facerlle fronte a este problema.

Por último, o presidente da Xunta e os empresarios de CEHOSGA acordaron manter reunións periódicas e un diálogo permanente para abordar as necesidades e as preocupacións deste sector.

CEHOSGA

A Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que ten entre os seus principais obxectivos a xestión, a defensa e a coordinación de intereses comúns dentro do sector hostaleiro e turístico galego. A confederación está integrada na propia Confederación de Empresarios de Galicia e forma parte do Consello de Turgalicia e da Comisión Sectorial de Hostalería e Turismo. A nivel estatal, está adherida aos máis importantes organismos hostaleiros, tales como a Federación Española de Hostalería e a Confederación Española de Aloxamentos e Hoteis Turísticos.

CEHOSGA está formada polas principais asociacións e federacións hostaleiras de Galicia. A confederación pretende, coa súa organización, dar unha axeitada cobertura aos seus asociados a través de diversos servizos de asesoramento, laboral, xurídico, fiscal, etc..., así como ciclos de formación e orientación laboral que melloren a produtividade e a calidade do sector.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia