Skip to main content

Comeza a funcionar o rexistro de empresas acreditadas no sector da construción

O Rexistro de Empresas Acreditadas (REA) no Sector da Construción da Comunidade galega xa comezou a funcionar. A posta en marcha desta base de datos xa estaba prevista no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010, que forma parte dos acordos do Diálogo Social. As empresas interesadas poden consultar a orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 22 de maio, pola que se crea o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción.

O REA persegue a redución da sinistralidade no sector da construción e servirá para acreditar que as empresas cumpren os requisitos de capacidade e de calidade, esixidos pola Lei Reguladora da Subcontratación no Sector da Construción. Esta lei esixe a todas as empresas do sector, entre outros requisitos, a disposición dunha organización produtiva e de instalacións e medios materiais suficientes para executar os traballos encargados. Tamén se esixe formación dos traballadores en materia de seguridade e saúde e unha organización adecuada en materia de prevención de riscos laborais. Ademais, a lei require ás empresas que unha determinada porcentaxe dos traballadores do cadro de persoal estean contratados con carácter estable na empresa.

Antes do 26 de agosto do presente ano todas as empresas que traballan nalgunha obra de construción deberán estar inscritas no rexistro dependente da Comunidade Autónoma na que se atope o seu domicilio social. A partir desa data as empresas que contraten o subcontraten a realización de calquera traballo nunha obra deberán acreditar que as súas empresas contratistas o subcontratistas están inscritas no Rexistro, a través da solicitude dun certificado.

Cómpre sinalar que todos os rexistros de todas as Comunidades Autónomas estarán intercomunicados mediante a súa integración nunha base de datos xestionada polo Ministerio de Trabajo e Inmigración. Esta aplicación permitirá que dende calquera punto do territorio nacional se poida coñecer se unha empresa está inscrita no rexistro correspondente.

A creación dos Rexistros de Empresas Acreditadas tamén responde a unha das medidas previstas na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2007-2012, aprobado polo Goberno central. Por outra banda, supón dar o último paso para o desenvolvemento completo da Lei de Subcontratación, aprobada xa na pasada lexislatura.

Así pois, en menos de dous anos o sector da construción dotouse dun importante conxunto de instrumentos dirixidos a mellorar a saúde e a seguridade dos traballadores dun sector de especial perigosidade. Este conxunto de actuacións levouse a cabo co consenso das forzas políticas e dos axentes sociais do sector, así como co respaldo das Comunidades Autónomas, ás que corresponde a xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia