Skip to main content

Pesca fomenta actuacións en beneficio dos mariñeiros de Panxón

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo en San Caetano unha xuntanza de traballo co Alcalde de Nigrán, Efrén Juanes Rodríguez, e co Concelleiro de Urbanismo deste municipio pontevedrés, Juan González. Entre os temas que se abordaron no encontro destacan a instalación dunha cámara frigorífica no porto de Panxón, así como o apoio da Administración pesqueira galega á reforma da praza de abastos e á ampliación do dique de abrigo.

Deste xeito, Carmen Gallego trasladoulle ao rexedor de Nigrán que o seu departamento, a través das partidas recollidas nos orzamentos da Consellería de Pesca para o Plan de Infraestruturas Portuarias, procederá a instalar unha cámara frigorífica no porto de Panxón co obxectivo de que lle dea servizo ás aproximadamente 50 embarcacións que traballan na zona.

Ademais, a responsable da Administración pesqueira galega comprometeuse con Efrén Juanes a apoiar ao Concello ante o ente Portos de Galicia, dependente da Consellería de Política Territorial, na ampliación do dique de abrigo do porto de Panxón. Outra das cuestións tratadas na reunión foi a futura reforma da praza de abastos, que se está poñendo en marcha. Neste punto, a Conselleira trasladoulle ao Alcalde a colaboración do seu departamento para ese proxecto que se acometerá en breve.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia