Skip to main content

Cen concellos participan na Festa do Deporte do 8 de xuño

Cen concellos galegos celebrarán a “Festa do Deporte” o próximo día 8 de xuño, no que será unha xornada de deporte na rúa para todos e todas baixo o lema “O deporte galego une”.

Tivo lugar o acto de presentación desta iniciativa, á que se suma por primeira vez Galiza, pero que comezou hai sete anos en Barcelona e Torino. Nesta ocasión, o noso país, incorpórase a esta iniciativa que se está a desenvolver no País Vasco e Catalunya con grande éxito de participación.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, manifestou a súa ledicia pola resposta dos Concellos, que se sumaron a esta iniciativa con entusiasmo e seguindo as liñas de actuación marcadas pola dirección xeral: Deporte feminino, deporte para maiores, deporte para discapacitados e deportes tradicionais. Desta forma, o día 8 de xuño, a partir das 10 da mañá e ata as 14 horas, haberá deporte na rúa, nas praias, nos xardíns, nos parques de cen concellos galegos, dende as cidades máis grandes (Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Ourense), ata as máis pequenas (cunha programación variada e na que poderán participar todos os cidadáns. Hoxe tivo lugar a presentación en Santiago, pero a partir de mañá haberá presentacións locais, nos que cada concello achegará a cidadanía a súa programación deportiva, así como os lugares onde se desenvolverán as actividades.

En total son 37 concellos da provincia de A Coruña, 19 de Lugo, 18 de Ourense e 23 de Pontevedra, ademais do cárcere da Lama, o que supón unha posibilidade de participación do 59,52 por cento da poboación galega (1.650.000 habitantes). Os Concellos, que son os responsábeis da programación, recibirán agasallos por parte da Consellería para repartir entre os participantes nos actividades que se organicen (camisetas, viseiras, panos), así como lotes de material deportivo para os Concellos (material de iniciación, sobre todo de deportes minoritarios e alternativos).

Para desenvolver este proxecto, que comeza este ano en Galiza por iniciativa da Dirección Xeral para o Deporte, foi imprescindíbel contar coa colaboración dos concellos, federacións e clubs, polo que ambas responsábeis políticas agradeceron a súa colaboración dende o primeiro momento: “Cando os convocamos a unha reunión para explicarlles en que consistía a iniciativa, a resposta foi moi positiva, algo que pode verse reflectido no número de municipios que se sumaron a esta iniciativa. Esta é a primeira vez que a Dirección Xeral para o Deporte promove unha actuación conxunta en todo o país e só podemos destacar a magnífica actitude dos concellos ”, indicou Marta Souto.


Gabinete de Comunicación da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia