Skip to main content

Medio Ambiente e grupos ecoloxistas reuniranse periódicamente nun foro de debate ambiental

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, mantivo unha reunión de traballo con representantes de seis agrupacións ecoloxistas galegas para poñer en común algúns dos temas que están na axenda do departamento autonómico. Ao encontro, que empezou a mediodía e se prolongou ata media tarde, asistiron membros da Federación Ecoloxista Galega, Adega, Amigos da Terra, Verdegaia, Sociedade Galega de Historia Natural e da Federación Galega de Medio Ambiente.

Tralo intercambio de impresións sobre a actualidade medioambiental galega, o principal acordo acadado por ambas partes foi a creación dun Foro de debate ambiental no que participarán os grupos ecoloxistas que asistiron hoxe a reunión de traballo, os de maior representatividade de Galicia, e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A primeira reunión deste Foro terá xa lugar o día 13 de xuño, venres, na sede do departamento autonómico, en San Lázaro, a partir das 16:30 horas.

As reunións do Foro de debate ambiental terán unha periodicidade trimestral e pretende buscar unha comunicación máis fluída e áxil entre os movementos medioambientais e a administración, así como institucionalizar unha relación que ecoloxistas e consellería consideran desexable e imprescindible para abordar a situación medioambiental de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia