Skip to main content

Pesca formará a docentes cubanos no Instituto Politécnico Náutico-Pesqueiro de Vigo

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo unha xuntanza no Parlamento de Galicia co viceministro do Ministerio de la Industria Pesquera de Cuba, Luís Orlando Paz, para abordar cuestións relacionadas coa colaboración entre ambos os dous países.

Neste sentido, as relacións entre Galicia e Cuba en materia de cooperación pesqueira teñen que ver, sobre todo, coa formación marítimo-pesqueira. Neste marco, prevese que un profesor do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo se desprace no mes de xullo á illa caribeña para realizar unha diagnose das necesidades do país en materia de tecnoloxía e capacitación náutico-pesqueira, co fin de elaborar un programa de aprendizaxe especializado para os docentes cubanos.

Así, despois desta análise, tres formadores insulares viaxarán a Galicia para coñecer de preto o tipo de educación náutico-pesqueira que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, así como para formarse e especializarse, sobre todo en áreas vencelladas coas novos equipamentos e tecnoloxías.

A visita que realiza o viceministro, xunto con persoal do seu gabinete a Galicia, dá continuidade á realizada o pasado mes de xaneiro polo Ministro de la Industria Pesquera de Cuba, Alfredo López, na que coñeceu de preto as instalacións do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, dependente da Consellería de Pesca.

Naquela ocasión, o mandatario cubano trasladáralle á Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos o interese do Goberno do seu país polas accións formativas que desenvolve o departamento galego a través dos seus centros oficiais e pola colaboración neste ámbito. Carmen Gallego xa entón amosara a súa disposición de cooperar neste eido e de mellorar a formación dos docentes cubanos nas escolas oficiais que dependen da Consellería.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia