Skip to main content

Inaugurada a primeira pranta galega de biodiésel

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que a planta de biodiésel de Entabán é a primeira gran instalación industrial que entra en funcionamento no porto exterior de Ferrol, unha peza clave para a diversificación económica da comarca que está a impulsar o Goberno galego. Nese sentido anunciou que, segundo confirmou o Ministerio de Fomento, en outubro estará aberto ao tráfico o novo vial de acceso ao Porto Exterior.

O máximo mandatario autonómico chamou ademais a atención sobre o feito de que Entabán Biocombustibles de Galicia abre en Ferrol unha planta dotada coas últimas tecnoloxías e “na vangarda de España” no sector. Resaltou así mesmo o impacto desta empresa na economía local, xa que supuxo un investimento de 48 millóns de euros e a xeración de 38 postos de traballo directos e máis de 100 indirectos.

O titular do Goberno galego presidiu esta mañá a inauguración de Entabán e destacou o apoio ao sector por parte da Xunta, que este ano mobilizou case 26 millóns de euros en axudas ao investimento empresarial para conseguir que “Ferrol e Galicia asinen o liderado nacional na produción de biocombustibles”. Así, indicou que con Entabán e coas plantas en proxecto de Infinita Renovables e Biocarburantes Peninsulares “farán que esta comarca concentre o 43,6% da produción nacional fixada como obxectivo no Plan de Enerxías Renovables”.

Resaltou que se trata dun proxecto que contou desde o primeiro momento co apoio das Administracións, que recibiu máis de 6 millóns de euros en axudas xestionadas pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa intervención, Pérez Touriño subliñou que a posta en marcha de Entabán supón o “primeiro paso” para que a comarca de Ferrolterra se converta en “referente español no sector dos biocombustibles” e en “motor que propulsa a maior produción de biodiésel de España”.

Aposta pola diversificación industrial de Ferrolterra
O presidente galego relacionou o desenvolvemento do sector dos biocombustibles coa aposta do Goberno galego pola diversificación económica de Ferrolterra e a súa finamización. Nese sentido, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal o seu primeiro plan territorial “desde o convencemento de que “a súa capacidade directiva, a súa tradición cultural, a súa riqueza paisaxística e, sobre todo, a súa experiencia industrial, eran elementos seguros para deseñar unha estratexia triunfadora”.

Emilio Pérez Touriño desacou que o Plan Ferrol é unha iniciativa “medible, cuantificable e avaliable” que se puxo en marcha co obxectivo de dinamizar unha economía que “viña do monocultivo do naval” e debía “dar un salto adiante nas tecnoloxías dese sector”, pero tamén “abrirse a novos campos, novos horizontes e aproveitando todo o seu gran potencial”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta resaltou que o Plan Ferrol, que ten como obxectivo “ambicioso, e que se está a cumprir”, propiciar na comarca un crecemento económico do 16% e a creación de 4.400 empregos entre 2007 e 2011, derivou xa en “beneficios tanxibles” nos vinte concellos beneficiarios. Referiuse así a que no que vai de ano “o Igape recibiu nove grandes proxectos empresariais” de Ferrolterra, que propoñen un investimento de 55 millóns de euros e a creación ou consolidación de 450 empregos.

Ademais, Touriño sinalou que dentro da liña de reindustrialización aberta polo Ministerio de Industria para as áreas de Ferrol, Eume e Ortegal, “as operacións apoiadas no que vai de ano suman un investimento inducido de 125 millóns de euros, que permitirá crear 192 postos de traballo”. As subvencións e créditos concedidos no que vai de ano, engadiu, suman xa os 47 millóns de euros.

Con estes datos, o presidente galego puxo en valor “a dimensión e a importancia estratéxica que ten o Plan Ferrol para o Goberno da Xunta, froito da coordinación e boa sincronización co Goberno de España”.

Un salto histórico nas infraestruturas produtivas

O titular do Executivo autonómico salientou que o compromiso das Administracións públicas con Ferrol está a marcar “un cambio histórico nas infraestruturas produtivas” da comarca, onde cifrou “a base do éxito da operación para a diversificación industrial de Ferrol”. Nese sentido lembrou que está en marcha a autovía que “desde o ano que vén conectará a cidade coa Meseta”, mentres que a Autovía do Cantábrico estará plenamente operativa no ano 2010 e vén de poñerse en marcha “ese gran soño da comarca e de toda Galicia Norte” que é a Vía de Alta Capacidade da Costa Norte.

O presidente da Xunta reiterou que, ademais da entrada en funcionamento en outubro do novo vial de conexión co Porto Exterior, o Goberno galego está comprometido “con dotar de conexión ferroviaria todas as plataformas loxísticas da Comunidade Autónoma”, e polo tanto, tamén do Porto Exterior de Ferrol.

Sobre esta nova dársena Touriño sinalou que a primeira fase desta infraestrutura “tan cobizada” xa alberga catro concesións, cunha ocupación de 47.000 metros cadrados, mentres que a segunda fase xa xerou 248.000 metros cadrados, aos que se sumarán “proximamente” outros 90.000.

Entre os proxectos que se porán en marcha coa segunda fase, Pérez Touriño destacou o proxecto de Infinita Renovables, que está en construción e, segundo as previsións, podería empezar a producir antes de que remate o ano.

En conclusión, o máximo mandatario galego resaltou que “ao día de hoxe, e coa segunda fase sen rematar, o índice de ocupación sitúase case no 60%”, o que ao seu dicir, significa que “se están a cumprir todas as expectativas xeradas por esta arteria de produtividade do plan comarcal de reindustrialización”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia