Skip to main content

Presentado o II Certame de Investigación Condado de Pallares

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu a presentación do II Certame de Investigación Condado de Pallares que está organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. Este certame premia con 3000 euros o mellor traballo dos presentados e admítense, para a súa valoración, escritos orixinais e inéditos en galego nos ámbitos da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, etnografía ou folclore no antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares.

No acto de presentación estiveron presentes, xunto co vicepresidente da Deputación, o Delegado Prov. da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Xoán Xosé Molina, o Alcalde do Concello de Taboada, J. J. Ramos Ledo,.o Alcalde do Concello de Guntin, Jesús Carreira, o Representante da obra social Caixa Galicia, Sinesio Pérez, e o Presidente da Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez,.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, sinalou a importancia deste tipo de certames que, emanados dende o movemento asociativo, recuperan e poñen en valor a historia do noso país. Antón Bao afirmou que “dende a Área de Cultura imos a apoiar todas aquelas iniciativas que, como esta, sirvan para consolidar o movemento asociativo ao mesmo tempo que nos amosan o noso pasado para camiñar cara o futuro e a modernidade reafirmado na nosa identidade”.

O CONDADO DE PALLARES ABARCARÍA OS ACTUAIS CONCELLOS DE GUNTÍN, PORTOMARÍN, TABOADA, CHANTADA E CARBALLEDO.

As primeiras referencias escritas ao Condado de Pallares aparece reflecitodo o nome de Pallares e refírese, efectivamente, á división da diocese lucense en once condados, realizada no discutible Concilio Lucense do 569, celebrado nesta cidade por orde do rei suevo Teodomiro. A confirmación desta partición tivo lugar no II Concilio de Braga, convocado por orde do monarca Miro, fillo de Teodomiro, no ano 572. O condado de Pallares, aparece citado como o sexto desta división.

Aínda que moitos dos topónimos citados anteriormente resultan difíciles de identificar na actualidade, o documento si nos serve para delimitar con bastante exactitude este primixenio condado. O límite norte debía corresponderse, aproximadamente, co río Vilamoure, entre as parroquias de Coeses e Ribas de Miño, para prolongarse ata o Monte de Meda (O Picato). Dende aquí, pola parte oeste, seguía unha liña recta que, despois de cruzar o río Ferreira, continuaba polo castro de Nespereira ata chegar ó Monte Faro (antigo Navego). O límite sur constituíao o río Búbal ata a súa confluencia co Miño. A parte leste estaba acoutada polo río Miño ata a súa unión co Sil. Este longo territorio coincidiría, xa que logo, coa meirande parte dos actuais concellos de Guntín de Pallares, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
Vítor Otero (Xefe de Gabinete da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo)