Skip to main content

Exención do imposto de hidrocarburos para o GLP usado pola frota galega

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu unha nova xuntanza extraordinaria do Pleno do Consello Galego de Pesca na que se analizaron as propostas debatidas no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, celebrado onte en Luxemburgo, para solventar os problemas
aos que se enfronta o sector pesqueiro europeo debido á alza do prezo dos combustibles.

No encontro, a responsable da Administración pesqueira galega tamén lle trasladou aos asistentes que á exención do imposto de hidrocaburos para a frota que emprega gasolina, acadada recentemente, se suma a supresión desta taxa para os combustibles alternativos que son ou poderán ser usados polo sector pesqueiro. Trátase de carburantes que se están aplicando de xeito experimental como o Gas Licuado de Petróleo (GLP), o gas natural, o biodiésel ou o biometanol. Segundo explicou a Conselleira, unha vez acadado o visto bo do Ministerio de Economía, hai que poñer en marcha os mecanismos fiscais que permitan darlle á frota “un abano de posibilidades” de cara a abaratar o seu gasto enerxético.

Tanto esta exención como a que afecta á gasolina conseguíronse tralas xestións feitas pola Consellería de Pesca ante os ministerios de Economía e Industria. Neste punto, Gallego sinalou que se está traballando entre a Administración pesqueira galega, representantes do sector, os sindicatos e responsables das empresas Cepsa e Repsol, así como do Ministerio de Economía, para determinar o modo no que se levará a a cabo o subministro da gasolina nos portos pesqueiros galegos de cara á supresión do imposto sobre este tipo de combustible.

A opción máis áxil e viable, e que foi a acordada nunha xuntanza celebrada a semana pasada, é que cada armador poida dispoñer do carburante nos surtidores e gasolineiras da Comunidade Autónoma de Galicia e que, posteriormente, solicite ao Estado a devolución do imposto. Con esta opción, terase que levar a cabo unha leve modificación da normativa vixente, a través dun Real Decreto Lei, que permita legalizar e axilizar a devolución fiscal aos armadores. Trátase dun proceso sinxelo e que xa ten antecedentes nos sectores agrario e do transporte. A exención do imposto
sobre a gasolina, vixente a día de hoxe, supón unha redución do 55 por cento do custe por litro deste tipo de combustible.

Consello de Ministros

Por outra banda, Carmen Gallego tamén informou ao Pleno do Consello Galego de Pesca das propostas debatidas no Consello de Ministros de Pesca da UE celebrado onte en Luxemburgo e sobre as que se traballará de cara a celebración dun novo Consello de Ministros a mediados do mes de xullo. A titular de Pesca destacou o feito de que todos os países que interviron na xuntanza coincidiron en que se trata dun problema común a todos os países
costeiros europeos e que, polo tanto, as medidas que se adopten deben ser similares en todos os estados.

Ademais, Gallego manifestou que a Comisión Europea valorou positivamente o documento de actuacións presentado polos países do sur de Europa (Italia, Francia, Portugal, Grecia, Malta e Eslovenia) a iniciativa de España e que Galicia colaborará co Goberno central na elaboración do documento lexislativo que terán que preparar os estados membros da UE de cara ao Consello de Ministros do vindeiro mes. Nesta dirección, apuntou que a
comunidade galega defenderá as mellores posturas para o noso sector pesqueiro, á vez que insistiu na necesidade de acadar a flexibilización do reglamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Por último, a Conselleira indicou que seguirá informando ao Consello Galego de Pesca dos avances que se vaian producindo e sinalou que dende o seu departamento se irán aplicando aquelas medidas xa ofertadas pola Xunta ao sector pesqueiro galego. Entre estas, lembrou a axuda de 2,5 millóns de euros para as lonxas de interese autonómico destinada a mellorar a comercialización dos produtos do mar. De feito, Carmen Gallego indicou que a vindeira semana manteranse contactos co sector para ver como se arbitra
este mecanismo de cara a súa inmediata aplicación.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia