Skip to main content

En marcha a segunda edición do concurso musical Nsaio no Camiño

A Dirección Xeral de Xuventude, en colaboración coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, pon en marcha de novo este ano o concurso musical Nsaio no Camiño, unha iniciativa para dar a coñecer a grupos musicais noveis de Galiza. O premio que acadará o artista ou grupo gañador será o poder desenvolver unha carreira musical profesional. Na presentación do certame estivo, na Praza do Toural, o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, o xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Eguibar.

O director xeral de Xuventude salientou que esta iniciativa é un proxecto interdisciplinar e interdepartamental. “Interdisciplinar porque abrangue moitos máis programas que os locais de ensaio físicos, incluíndose unha rede virtual a través de www.nsaio.org, cursos de formación en produción e gravación, promoción e concertos, e tamén certames e concursos musicais, coma este que presentamos hoxe”, explicou Rubén Cela. E Nsaio no Camiño é tamén netamente interdepartamental porque nel colaboran directamente a Consellaría de Innovación e Industria, a través do Plan de Xestión do Xacobeo, a Consellería de Cultura e a Vicepresidencia.

Pola súa banda, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo destacou que este concurso de maquetas musicais representa claramente “o espírito que o Xacobeo quere imprimir en todas as súas accións, como é a difusión da cultura galega e a súa difusión a través dos camiños culturais por excelencia como son os diferentes camiños de Santiago”. Así, neste certame realizarase un concerto correspondente a cada unha das semifinais por categorías en diferentes vilas e cidades enclavadas nos diferentes camiños xacobeos, “a música, o Camiño e a cultura unidos nun só programa."

Programa

Xuventude e Xacobeo volven pór en marcha este ano a iniciativa tras o grande éxito o ano pasado, na súa primeira edición. Daquela presentáronse máis de cen maquetas á fase de selección e un elevado número de persoas asistiron aos seis concertos que se organizaron durante o mes de xullo. Unha importante acollida que situou ao concurso Nsaio no Camiño nun dos concursos musicais de maior envergadura de toda a península.

O grupo ou artista gañador de Nsaio no Camiño obterá como premio a gravación dun traballo discográfico nun dos mellores estudos de gravación de España, e así mesmo, asinará un contrato cunha discográfica de nivel estatal e tamén un contrato de management. Este traballo discográfico será distribuído e promocionado en España por unha das entidades musicais máis importantes da península.

Bases

Poden participar no concurso todos aqueles grupos ou solistas que non posúan ningún disco editado (fóra dos autoeditados) e ningunha relación contractual con axencias discográficas. A media de idade das formacións debe de estar comprendida entre os 16 e os 35 anos e un 60%, como mínimo, dos seus integrantes deben de ser residentes en Galiza.

As bandas ou solistas interesados, que cumpran os requisitos, deben presentar as súas maquetas antes do vindeiro día 15 de xullo. As maquetas ou CDs deben constar polo menos de tres temas, dos cales un deles polo menos debe de estar en galego. Os interesados en participar neste concurso poden facelo nalgunha das cinco modalidades existentes: pop, rock, folk, mestizaxe e novas tendencias.

Das maquetas presentadas, na fase de selección, o xurado escollerá quince, tres por cada modalidade. Estes 15 grupos ou solistas serán os que participen na fase de concertos que se desenvolverán no mes de agosto por toda Galiza, en vilas galegas polas que discorren os distintos Camiños de Santiago. O mellor grupo ou artista de cada modalidade actuará logo no gran concerto final, do cal sairá o gañador absoluto do certame Nsaio no Camiño 2008. Nestes concertos polo Camiño, ademais dos concursantes, actuarán grupos consagrados dentro do panorama musical español.

Con este certame, así como co impulso da Rede Galega de Locais de Ensaio, a Vicepresidencia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, segue apostando pola difusión da música dos grupos galegos e por darlles unha oportunidade ás bandas e aos artistas musicais do país.

Para consultar as bases de Nsaio no Camiño 2008, as persoas interesadas poden consultar a páxina web www.nsaio.org.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia