Skip to main content

O AVE Vigo-Porto realízase nos termos previstos para estar operativo en 2013

“No plenario que terá lugar en setembro formalizaremos a sinatura do convenio da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e os estatutos que rexen esta agrupación”. Así o avanzou o titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, quen presidiu en Santiago a xuntanza da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal á que asistiron representantes de ambos os dous territorios, no caso portugués, encabezados por Carlos Lage, o presidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras a reunión, o máximo mandatario galego remarcou que, unha vez que os Gobernos español e portugués teñen tramitado a correspondente autorización, “estamos en condición de constituír formalmente a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT)”, a primeira de ámbito peninsular e a terceira experiencia deste tipo no ámbito europeo, segundo explicou Pérez Touriño.

Nacemento dunha cooperación de segunda xeración

Segundo subliñou, o nacemento desta agrupación supón “un paso moi importante”, porque significa “o nacemento dunha cooperación de segunda xeración” entre Galicia e o Norte de Portugal.

A partir de aquí, engadiu Touriño, “haberá unha entidade xurídica propia, ao amparo da normativa europea e polo tanto queda institucionalizada esta primeira agrupación territorial da Península Ibérica”, aseverou.

Persoal e funcións

A este respecto, o xefe do Executivo galego indicou que a AECT contará cunha dirección, que ostentará nunha primeira etapa a parte portuguesa; así como cun secretariado-subdirección, que corresponderá, no primeiro bienio á parte galega; e unha asemblea que estará conformada por catro representantes de cada un dos territorios.

“A AECT terá como función a dirección e a xestión do Plan Estratéxico de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, a xestión dos fondos europeos e a xestión dos proxectos de cooperación transfronteiriza”, o que significa “un salto histórico na relación entre ambos os dous países”, subliñou.

Sede en Vigo

Na súa intervención ante os medios de comunicación, o presidente da Xunta quixo agradecer publicamente a Carlos Lage, o presidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, e ao propio primeiro ministro portugués, José Sócrates, “a súa xenerosidade” para permitir que a sede da AECT sexa en Vigo, “de maneira estable e permanente”, o que significa, aseverou, “unha aposta de confianza e cooperación sólida e leal entre ambos os dous gobernos”.

Transferencia da Presidencia e avaliación de proxectos

Outro dos aspectos que se abordarán no plenario de setembro da Comunidade de Traballo Galicia Norte de Portugal será o traspaso da Presidencia á parte portuguesa, a Carlos Lage, logo de que o xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, ostentase este cargo durante os dous últimos anos.

Tamén se “pasará revista” ao estado dos proxectos transfronteirizos que están en marcha e “sendo examinados nestes momentos polas correspondentes ponencias técnicas”, explicou Pérez Touriño. A este respecto sinalou que se presentaron arredor de 130 proxectos que contan cun financiamento europeo de preto de 100 millóns de euros. Emilio Pérez Touriño amosouse confiado en que estes proxectos estarán aprobados neste mesmo ano 2008 co obxectivo de que a partir de xaneiro de 2009 estean “en condición de ser executados”.

Mellora da situación dos traballadores transfronteirizos

No plenario de setembro, Galicia e o Norte de Portugal tamén abordarán a situación dos traballadores de ambos os dous territorios e as perspectivas de cooperación e impulso en relación coas melloras das súas condicións laborais.

Así mesmo, na xuntanza tamén está previsto estudar a posibilidade de “encargar unha formulación e presentación conxunta” respecto ás directrices de ordenación territorial, unha vez que pola parte galega xa foron presentadas e pola parte portuguesa se están a ultimar. “Pretendemos establecer unha planificación conxunta e unha lectura compartida desas directrices”, afirmou o presidente galego a este respecto.

Seguimento respecto ao tren de alta velocidade

Por último, tanto Emilio Pérez Touriño como Carlos Lage destacaron que na xuntanza do mes de setembro tamén se realizará un seguimento do estado das obras da alta velocidade entre Galicia e o Norte de Portugal. Ambos os dirixentes coincidiron en subliñar que o proxecto se está a realizar “segundo os termos previstos” e o obxectivo é que o AVE Vigo-Porto estea operativo no ano 2013, tal e como se teñen comprometido os Gobernos español e portugués. Carlos Lage subliñou que, neste momento, “non hai nada que trabe a boa marcha deste proxecto” e sinalou que “dentro de pouco tempo” se realizará a avaliación do impacto ambiental entre Braga e a fronteira e que o próximo ano se procederá ao concurso para a construción da liña.

Pola súa banda, Pérez Touriño incidiu en que o treito Vigo-Porriño xa superou a fase de información pública e que pronto se vai someter a información pública o treito entre Porriño e a fronteira portuguesa. “Estanse desenvolvendo os traballos no Eixo Atlántico, Porto-Vigo-A Coruña” e está “en plena realización” este proxecto “vital e decisivo que estrutura e dá soporte a esta Eurorrexión”, asegurou Touriño ao respecto.

“En definitiva –concluíu o máximo mandatario galego-, no plenario de setembro pretendemos avanzar todo o que poidamos na cooperación económica, na cooperación territorial, na cooperación social e cultural de ambas as dúas comunidades”.

Participantes na xuntanza

Na xuntanza da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal desta mañá, que estivo presidida por Pérez Touriño, tamén participaron, por parte galega, o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio; a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride Estévez; o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato; e o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, José Colino. Pola parte lusa, participaron no encontro o presidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Carlos Lage; o vicepresidente da CCDR-N, Paulo Gomes; a vicepresidenta da CCDR-N, Ana Teresa Lehmann; a vogal da Comisión Directiva do Quadro de Referencia Estratégico Nacional (QREN) Cristina Azevedo; e o tamén vogal da Comisión Directiva do QREN, Carlos Duarte.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia