Skip to main content

Inauguración da lonxa e a fábrica de xeo no porto pesqueiro de Camariñas

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada pola delegada territorial de Pesca na Coruña, Rosa Liaño Pedreira, inaugurou a lonxa e a fábrica de xeo coas que contará a partires de agora o porto pesqueiro de Camariñas. Estas dúas infraestruturas suman unha achega de case 1,3 millóns de euros por parte da Administración pesqueira galega, unha contía á que hai que engadir outras partidas destinadas a diferentes investimentos no mesmo porto como, por exemplo, a subministración dun sistema informatizado de subhasta ou un carro varadoiro automotriz.

As novas obras do porto de Camariñas son froito do empeño do departamento que dirixe Carmen Gallego por mellorar as instalacións portuarias adscritas á nosa comunidade autónoma, de cara a que os profesionais do mar teñen unhas mellores e máis doadas condicións de traballo.

Así, a Consellería de Pesca achegou un total de 669.325,22 euros para a nova lonxa, unha construción na que se buscou un edificio singular que respondese coa súa imaxe ao carácter pesqueiro do entorno. Con esta actuación dótase ao porto pesqueiro de Camariñas dunha infraestrutura que terá como usos principais os de lonxa, oficinas para a confraría de pescadores e oficinas para outros organismos vencellados á área portuaria, como poden ser Capitanía Marítima, o Servizo de Gardacostas ou Portos de Galicia.

A superficie total construída da nova lonxa, que consta de dúas alturas, é de 1.302,01 metros cadrados, mentres que a superficie útil do edificio é de 1.218,42 metros cadrados. Na planta baixa, os 780,21 metros cadrados útiles distribúense entre a zona de instalacións; a área de lonxa e subhasta, que inclúe, ademais do apartado de poxa, un almacén, unha cámara frigorífica e un local apto para instalar no futuro unha minidepuradora de moluscos e un centro regulador de crustáceos; e a zona de oficinas, laboratorio e aseos. Neste último apartado destínanse dúas oficinas e un pañol para Capitanía Marítma e cadansúa oficina e pañol para o ente Portos de Galicia e para o Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca.

Pola súa banda, a planta alta do edificio, de 438,21 metros cadrados
útiles, albergará as oficinas da Confraría de Pescadores, con varios
despachos, unha sala de usos múltiples, un almacén, un aseo, un arquivo e
unha sala de xuntas, entre outros apartados.

Carmen Gallego tamén inaugurou esta tarde a nova fábrica de xeo do porto
de Camariñas, que foi levantada ao carón da lonxa nova e que contou cunha
achega total de 621.633,66 euros por parte da Consellería de Pesca. Esta
instalación ten unha superficie construída de 299,19 metros cadrados e
unha superficie útil de 153,04 metros cadrados. Tamén se distribúe en
dúas alturas, de xeito que a planta baixa alberga o almacén e a zona de
acceso ao silo da fábrica de xeo, entre outros apartados, mentres que na
planta alta atópanse a sala de máquinas, a oficina de control da fábrica
de xeo e as pasarelas elevadas de acceso á cinta transportadora e á
báscula de pesaxe.

En relación a esta infraestrutura, cabe destacar que a capacidade de
almacenamento do silo é de 69 toneladas, á vez que a capacidade de
produción de xeo dos dous xeradores dos que dispón a fábrica ascende a un
total de 20 toneladas/24 horas.

Outras actuacións

Aínda que a lonxa e a fábrica de xeo novas suman a maior parte do
investimento realizado pola Consellería de Pesca no porto pesqueiro de
Camariñas tamén son de destacar outras actuacións levadas a cabo para
beneficio dos profesionais do mar desta zona. Así, a Administración
pesqueira galega procedeu, a finais do ano pasado, á entrega dun sistema
informatizado de subhasta para a nova “rula” por un importe de 125.842,31
euros. Este mecanismo conta con todos os soportes informáticos
correspondentes así como con dúas básculas de 150 quilogramos e outra de
1.500 quilogramos ou a dotación de megafonía para o seguimento da
subhasta, entre outros.

Así mesmo, a Administración pesqueira galega destinou 311.687 euros á
dotación, para o porto de Camariñas, dun carro varadoiro automotriz de
izado hidráulico tipo sublift con capacidade de elevación de ata 40
toneladas, para varado de embarcacións mediante rampa. A esta actuación
tamén hai que sumar a subministración á confraría de pescadores,
atendendo a unha demanda do pósito, dunha transpaleta manual de acero
inox cunha capacidade de 2.500 quilogramos, que supuxo un investimento de
2.320 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia