Skip to main content

A Comisión de Seguridade Marítima analiza as melloras do servizo de gardacostas

O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Miguel Ángel López Sieiro, presidiu en San Caetano a xuntanza da Comisión Sectorial de Política Social e de Seguridade do Consello Galego de Pesca. O obxectivo desta reunión, no que tamén estiveron presentes representantes do Servizo de Gardacostas, foi analizar xunto cos sindicatos e o sector a operatividade do servizo de salvamento marítimo que leva a cabo o departamento de Pesca.

Deste xeito, no encontro resumíronse primeiramente as actuacións de
salvamento marítimo e loita contra a contaminación realizadas polo
Servizo de Gardacostas o pasado ano. Destes datos despréndense que os
helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 participaron en 26 rescates e realizaron
un total de 551 voos de adestramento e inspección pesqueira. Asemade, os
axentes de Gardacostas tomaron parte en catro exercicios de adestramento
de loita contra a contaminación levados a cabo en 2007 en Tragove
(Cambados), Vigo e na Pobra do Caramiñal.

Na xuntanza tamén se avaliaron as melloras previstas neste servizo como o
segundo cadro de persoal para o helicóptero Pesca 1, con base en Vigo,
que permitirá ter unha tripulación operativa na base as 24 horas do día
cun tempo de resposta de 10 minutos en caso de emerxencia, así como a
adquisición dun terceiro helicóptero que terá a súa base na Costa da
Morte.

Ademais, entre outras accións, deuse conta da publicación dun concurso
público para a adquisición e construción dunha nova embarcación para o
Servizo de Gardacostas duns trece metros de eslora, que realizará labores
de inspección pesqueira, salvamento e loita contra a contaminación.

Así mesmo, informouse aos membros da Comisión Sectorial de que se acaba
de finalizar o prego de prescripcións técnicas para a posta en marcha
dunha experiencia piloto no buque de Pesca “Serra do Caurel”, con base en
Portonovo, para a instalación do sistema Kafloat. Este dispositivo
proporciona flotabilidade ás embarcacións en caso de producirse unha vía
de auga ou perda de estabilidade.

Por outra banda, tamén se explicou que se está a traballar na
implantación do sistema de telemedicina nos buques de apoio “Sebastián de
Ocampo” e “Irmáns García Nodal”, e que se poderá poñer en marcha a través
dun acordo de colaboración coa Consellería de Sanidade que permita a
instalación dun terminal de telemedicina nun centro hospitalario do
Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, representantes do Servizo de Gardacostas explicaron aos
membros da Comisión Sectorial o procedemento que se sigue para a posta en
marcha dun operativo de salvamento ou loita contra a contaminación que se
produza en augas galegas. Deste xeito, destacaron que é o Centro Zonal de
Salvamento Marítimo de Fisterra de Sasemar (Ministerio de Fomento) quen
se encarga da coordinación dos medios dispoñibles, tanto estatais como
autonómicos, para actuar en caso dun incidente deste tipo, de acordo co
convenio de colaboración subscrito en setembro de 2006 entre Fomento e a
Xunta de Galicia.

Conclusións
Os membros da Comisión Sectorial de Política Social e Seguridade Marítima
do Consello Galego de Pesca apostaron porque o Servizo de Gardacostas da
Consellería continúe co seu crecemento de medios humanos e materiais, así
como coas melloras que está a pór en marcha.

Neste sentido, consideraron de moita importancia a aposta pola
telemedicina e expuxeron a necesidade de que se busquen acordos co
Goberno central para que os barcos conten co historial médico dos seus
mariñeiros, información da que dispón o Instituto Social de la Marina
(ISM).

Na mesma liña, manifestaron o seu acordo en traballar no estudo da
viabilidade técnica do emprego de equipamentos que garantan a seguridade
dos mariñeiros e dos barcos pesqueiros en caso de accidentes marítimos,
naufraxios ou vías de auga.

Finalmente, propuxeron como unha iniciativa a estudar a posibilidade de
que un equipo médico poida acompañar á tripulación das embarcacións que
realizan labores de salvamento marítimo, cando se produza un accidente no
mar.

Esta previsto que se celebre unha nova reunión da Comisión Sectorial de
Política Social e Seguridade Marítima antes de que finalice o presente
mes.

O pasado mes de marzo, reuníuse a Comisión Sectorial para abordar as
condicións da seguridade no mar e dar conta das accións que está a levar
Pesca, xunto con outros departamentos das administracións autonómica e
central, para a mellora da seguridade no ámbito marítimo-pesqueiro.
Naquela ocasión, todos os participantes acordaron agrupar as materias
sobre as que traballar en varios bloques temáticos (prevención,
formación, seguridade, salvamento, normativa,etc.) para axilizar o
traballo que se leve a cabo nas vindeiras reunións.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia