Skip to main content

Galicia supera a media española en taxa de actividade emprendedora

Galicia incrementou por terceiro ano consecutivo a súa taxa de actividade emprendedora (TEA), situándose no 7,64%, fronte a un 5,94% en 2006. Ademais, a TEA galega medrou por riba da media española, que acadou o 7,62% o pasado ano. Estes datos foron expostos polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, na presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2007, o cal ten por obxecto a análise da actividade emprendedora nun marco internacional. A edición deste ano é a número tres do Informe GEM para a nosa comunidade, no que participa activamente a Consellería de Economía e Facenda a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia). Os resultados deste informe son froito do traballo da Confederación Galega de Empresarios (CEG) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que colaboraron conxuntamente con BIC Galicia para dar á luz a este novo informe.

Un dos datos máis significativos nos que fixo fincapé Fernández Antonio é que “Galicia ocupa a segunda posición en canto á porcentaxe de iniciativas consolidadas”, así como que a “figura do emprendedor está cada vez mellor valorada social e profesionalmente en Galicia”.

Galicia emprendedora

O conselleiro explicou que o Informe amosa que en Galicia se emprende fundamentalmente para aproveitar “oportunidades de negocio”. Ademais, nesta nova edición do Informe cómpre salientar que o “perfil do emprendedor se está universalizando, polo que xa non podemos falar dun único tipo de persoa emprendedora”. Ponse de manifesto que o número de mulleres emprendedoras estase incrementando cada vez máis neste ámbito que antigamente estaba practicamente restrinxido ós homes.

A figura do emprendedor cobra especial importancia no contexto económico actual no que nos atopamos, explicou Fernández Antonio, xa que constitúe un motor esencial para o crecemento e desenvolvemento económico, ademais de constituír “unha fonte de ideas e proxectos innovadores”. Nos momentos de máis crise aparecen máis oportunidades de investimento –apuntou o Conselleiro de Economía e Facenda- e lembrou que a Xunta non “deixará sen financiamento ningún proxecto viable”.

Fomento do investimento empresarial e do espírito emprendedor
Fernández Antonio tamén aludiu ao Acordo pola Competitividade de Galicia 2008-2011”, asinado polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e os axentes sociais o pasado 7 de xullo. Segundo dixo, unha das súas medidas é o fomento do investimento empresarial e do espírito emprendedor. Esta medida, segundo explicou, contempla accións de sensibilización para fomentar a capacidade emprendedora, entre as que destacou os programas de divulgación no ámbito educativo; os programas que faciliten o acceso ao capital por parte dos emprendedores; o apoio material e técnico no proceso de creación de empresas,; e a promoción da participación privada e de empresarios na creación de novas empresas e no impulso de iniciativas como viveiros de ideas, redes de investidores privados ou programas “chave en man” para os novos proxectos. O conselleiro de Economía sinalou que “a economía galega precisa estímulos dende a Administración Pública” pero non só iso, senón que tamén é necesario “a confianza dos seus empresarios á hora de abordar novos retos e investir”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia