Skip to main content

Pesca apoia a I+D nos procesos de engorde de semente de moluscos bivalvos

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, participou no porto pesqueiro do Corgo, no Grove, na presentación do catamarán-semilleiro P.E.M.E.I.A. da empresa local Remagro S.A. (Recursos Mariños Grovenses)
para o preengorde de semente de moluscos bivalvos procedentes de criadeiro.

Fátima Linares estivo acompañada neste acto pola delegada territorial de Pesca en Pontevedra, Ángeles Montero López, o director do CIMA, Alejandro Guerra, e técnicos de Pesca, así como por representantes da compañía.

A directora xeral destacou que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos valora moi positivamente a proposta de sistemas de preengorde deste tipo xa que existe unha forte demanda, por parte do sector pesqueiro, de semente dun tamaño axeitado que permita afrontar o crecemento e supervivencia dos bivalvos con certas garantías de éxito. Así mesmo, engadiu que o
departamento que dirixe Carmen Gallego está a apostar por liñas de investigación que potencien estes sistemas como complemento aos minicriadeiros de Camariñas (A Coruña) e O Vicedo (Lugo) que a Administración pesqueira autonómica puxo en marcha para a produción de semente.

Con esta innovadora infraestrutura, presentada hoxe e que se fondeará en augas do Grove, Remagro S.A. pretende producir ata un total de 180 millóns de unidades de semente de ameixa e ostra. Esta instalación comezará a traballar cun sistema de engorde que consiste nun circuíto de fluxo forzado de auga de mar, que pasa a través dos tambores nos que se ubica a semente.

Este artefacto favorecerá o bo crecemento da semente debido á posibilidade de efectuar un engorde máis efectivo e permitirá incrementar o volume de cultivo por unidade de superficie, algo que en terra provoca elevados custos económicos. Ademais disto, o catamarán-semilleiro xerará unha boa produtividade primaria no medio natural, tanto en cantidade como en calidade, e acadará parámetros óptimos de crecemento, de temperatura, salinidade, osíxeno ou fluxo. Por outra banda, coa nova instalación
garantirase a posibilidade de acceso á semente en calquera momento e con calquera condición climática que se produza.

Trátase, segundo destacou Fátima Linares, dun procedemento que é o que se está a empregar actualmente nos criadeiros industriais de Europa, pero coa particularidade de cumprir unha serie de requisitos que fan esta infraestrutura máis atractiva. Neste sentido, fixo fincapé en que o catamarán-semilleiro ten capacidade de subministro de grandes cantidades de
semente, conta cun acceso fácil e permanentemente vixiado, dispón de enerxía en contínuo e utiliza enerxías renovables, sitúase nunha zona resgardada de temporais e de alta concentración de fitoplancto, non provoca impactos ambientais, e, ademais, permite o preengorde dunha ampla variedade de especies de moluscos bivalvos.

A empresa Remagro S.A. (Recursos Mariños Grovenses) posúe unha ampla experiencia na acuicultura e leva realizando o seu traballo dende o ano 1992, no que se fundou, desenvolvendo actividades de produción, depuración e comercialización de moluscos bivalvos na ría de Arousa. Ademais, conta cunha “hatchery” (criadeiro) de bivalvos.

Entrega de semente de ameixa en Raxó

Por outra parte, e en relación á demanda de semente por parte do sector pesqueiro para as súas zonas de produción, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de facer entrega á Confraría de Pescadores de Raxó (Poio - Pontevedra) de 200.200 unidades de ameixa babosa que foron sementadas nos seus bancos marisqueiros. Estes exemplares, que proceden do minicriadeiro
que Pesca ten instalado en Camariñas, teñen un tamaño de 11 milímetros o que permite que se fixen mellor ao substrato e que acaden un índice maior de supervivencia nos areais.

Esta actuación da Consellería levada a cabo nos bancos marisqueiros de

Raxó, e que tamén se vén desenvolvendo noutras zonas do litoral galego, está encamiñada a estudar a viabilidade de rexenerar certas zonas marisqueiras onde hai problemas cos recursos. A recuperación das poboacións
de bivalvos infaunais (ameixa, berberecho, etc.) nos bancos naturais, dos que viven moitas familias nas zonas costeiras, deben pasar pola aplicación de técnicas de acuicultura e de xestión dos recursos para o que é necesario que exista unha estreita colaboración entre as confrarías de pescadores e a
Administración.

O departamento que dirixe Carmen Gallego repartiu no que vai de 2008 case 1,6 millóns de unidades de diferentes tipos de ameixa para o seu cultivo en diferentes áreas do litoral. En concreto, entregáronse para a súa sementeira 499.320 unidades de ameixa fina, 516.655 de ameixa xaponesa e 574.951 de babosa procedente dos minicriadeiros de Camariñas e O Vicedo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia