Skip to main content

Convocado o proceso de selección dos Grupos de Acción Costeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria para a selección de asociacións para outorgarlles o recoñecemento de entidade colaboradora do departamento que dirixe Carmen Gallego baixo a denominación do Grupo de Acción Costeira (GAC), así como para fixar o contido mínimo do Plan Estratéxico Zonal (PEZ). Con esta iniciativa, que se enmarca no Eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca (FEP), constituiranse un total de sete grupos, un por cada unha das zonas pesqueiras nas que se dividiron os concellos do litoral da nosa comunidade autónoma. Para a posta en marcha destes grupos, Pesca disporá dun orzamento total de 40 millóns de euros.

O obxectivo principal desta actuación é estimular a creación de novas
fontes de ingresos sostibles para o incrementar de xeito apreciable a
calidade de vida nas comunidades e zonas pesqueiras. Para este fin, é
indispensable proporcionar as ferramentas necesarias a aqueles axentes
económicos e sociais que mellor comprenden os problemas e retos das
comunidades pesqueiras co fin de adoptar as solucións ás súas demandas
reais.

Según a Orde publicada polo DOG, as zonas nas que se divide o litoral galego, e nas que poderán constituírse Grupos de Acción Costeira son: Zona 1 Mariña lucense e Ortegal, Zona 2 Golfo Ártabro, Zona 3 Costa da Morte, Zona 4 Seo de Fisterra-Muros e Noia, Zona 5 Ría de Arousa, Zona 6 Ría de Pontevedra e Zona 7 Ría de Vigo-A Guarda. Así, só poderá acadar a consideración de GAC unha asociación por cada zona.

Así mesmo, para obter a consideración de Grupos de Acción Costeira, as
asociacións que aspiren a ter tal recoñecemento deberán cumprir cos
requisitos establecidos na lexislación vixente en materia de entidades
colaboradoras. Deste xeito, os grupos deberán estar constituídos polo
sector pesqueiro, o social, o económico e o sector público, contando
cunha mostra representativa de todos estes sectores, correspondendo o 50
por cento do peso nos órganos de Goberno ao sector pesqueiro.

Ademais, para poder constituírse en GAC´s, as asociacións deberán
permitir a integración nela de todas as entidades asociativas e de
representación de intereses colectivos, fundacións e outras entidades sen
ánimo de lucro, así como de administracións locais e entidades públicas
dependentes destas. Da mesma forma, as asociacións que aspiren a
constituírse en Grupo de Acción Costeira deberán ter como obxectivos,
entre outros moitos, o decidir en todas as medidas amparadas polo Eixo nº
4 do FEP a selección das operacións que deban levarse a cabo polo sector
privado e público, dentro da estratexia de desenvolvemento local
establecida. Así mesmo, cada unhas das asociacións designará unha
Presidencia e unha Xunta Directiva da Asociación que serán os órganos de
relación do GAC coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

As solicitudes para obter a condición de entidade colaboradora como Grupo
de Acción Costeira deberanse presentar, seguindo o modelo oficial que se
adxunta á Orde, antes do 15 de outubro de 2008, na sede dos servizos
centrais da Consellería de Pesca (Edificio Administrativo San Caetano –
Santiago de Compostela) e deberán dirixirse ao secretario xeral deste
departamento. Entre a documentación que os interesados deberán facer
chegar atópanse a documentación acreditativa referente ao grupo, as actas
das xuntanzas previas celebradas, as de constitución, os estatutos da
asociación e, ademais, o Plan Estratéxico Zonal.

Para os efectos de valoración das solicitudes presentadas e a avaliación
dos plans estratéxicos zonais, constituirase unha Comisión de Valoración
que deberá contar con nove membros. Formarán parte deste organismo tres
representantes da secretaría xeral da Consellería de Pesca, un
representante de cada unha das tres subdireccións xerais e un
representante das consellerías de Economía e Facenda, Medio Ambiente e
Medio Rural a través de Agader.

Os Grupos de Acción Costeira, unha vez recoñecidos, deberán asinar un
convenio de colaboración coa Administración pesqueira galega para poder
ter a consideración de entidades colaboradoras de Pesca.

Contido mínimo do PEZ

Segundo establece a Orde, o Plan Estratéxico Zonal (PEZ) deberá ter uns
contidos mínimos relativos á diagnose, proposta de actuación, proposta de
execución e elementos transversais do PEZ. Con respecto ao primeiro
apartado, deberá incluírse un estudo socioeconómico do ámbito territorial
de actuación e unha análise DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e
oportunidades) do territorio, así como un informe sobre a previsión de
creación de emprego.

No tocante á proposta estratéxica de actuación, deberá determinarse a
estratexia a seguir polo GAC ao abeiro das prioridades establecidas polo
FEP, as actuacións previstas segundo as liñas estratéxicas do PEZ, e os
criterios de valoración dos proxectos que se pretendan desenvolver. Para
poder levar adiante estes proxectos, deberá terse en conta a súa
viabilidade técnica, o impacto económico, social e medioambiental sobre o
territorio, o aproveitamento de recursos endóxenos, o carácter innovador
e dinamizador das iniciativas, así como a capacidade de transferencia a
outros territorios, a igualdade de oportunidades e a adecuación coa
estratexia establecida polo grupo no Plan Estratéxico Zonal. En relación
á proposta de execución do PEZ, deberá establecerse un plan financeiro,
un cronograma de execución, os gastos de xestión necesarios e os sistemas
de control e seguimento do Plan.

Finalmente, entre os elementos transversais do Plan Estratéxico Zonal,
deberán establecerse os mecanismos para garantir a aplicación dos
principio de igualdade de oportunidades; o enfoque innovador da
estratexia e as actuacións previstas; un plan de información, publicidade
e transferencia; e fixar o grao de sustentabilidade do proxecto e do GAC
máis alá da xestión do programa.

As actuacións que se establezan dentro de cada Plan deberán buscar o
fortalecemento da competitividade do sector pesqueiro, en especial a
mellora da comercialización; a promoción económica coa creación de
emprego e oportunidades económicas; a mellora do contorno natural e a
calidade ambiental; e a promoción da cohesión social. Ademais de todo,
deberá fomentarse a sociedade da información e as novas tecnoloxías, a
igualdade de oportunidades, a cooperación e a participación.

Presentación dos Grupos de Acción Costeira

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar,
presentou o pasado 15 de xullo aos representantes do sector pesqueiro
galego, así como aos axentes sociais, económicos e públicos das zonas do
litoral, o Eixo Prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca e os Grupos de
Acción Costeira. A titular de Pesca destacou neste acto que perante a
situación de certa inquedanza que está a atravesar o sector pesqueiro,
motivada en grande medida polo incremento do prezo do combustible, os
Grupos de Acción Costeira que se van poñer en marcha na nosa comunidade
autónoma, supoñen unha responsabilidade e tamén “unha magnífica
oportunidade de transmitir ilusión e gañas de facer novas cousas”.

Ademais, Carmen Gallego recordou que ao principio desta lexislatura, na
súa primeira comparecencia no Parlamento de Galicia, xa destacara que o
obxectivo primordial da política do seu departamento e dos seus proxectos
eran as persoas e “conseguir que os galegos e galegas que se dedican ao
traballo no mar teñan unha vida mellor e unhas mellores condicións
laborais”. Neste sentido, explicou que os Grupos de Acción Costeira
seguen esta liña, ao igual que moitas das accións postas en marcha pola
Consellería de Pesca nestes tres anos de Goberno.

Esta iniciativa que porá en marcha Galicia para dar cumprimento ao Eixo
Prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca é pioneira entre os países da
Unión Europea. De feito, a Consellería foi convidada a diferentes
conferencias celebradas en países membros da Unión Europea para presentar
esta actuación, en concreto, o secretario xeral participou como ponente
nos seminarios celebrados en Marsella e Estonia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia