Skip to main content

O 56 Festival de Cine de San Sebastián contará cun stand do audiovisual galego

O Consorcio Audiovisual de Galicia estará presente un ano máis nunha das citas cinematográficas máis relevantes das que se celebran no Estado, o Festival Internacional de Cine de San Sebastián que este ano celebra a súa edición número 56. Nesta edición, o Consorcio participará no Sales Office habilitando un stand que servirá de punto de encontro para que todas as produtoras galegas que se inscriban no Festival poidan manter reunións cos distintos profesionais acreditados.

No stand corporativo, o Consorcio ten previsto manter diferentes reunións con institucións e organismos de países latinoamericanos e europeos, co obxectivo de promover e acadar accións e acordos a prol do audiovisual galego, como xa se ven facendo dun tempo a esta parte.

Ademais, todas as produtoras que o desexen poderán utilizar o stand para expoñer os seus catálogos e material promocional e para manter reunións. A pasada edición do festival contou con máis de 1.200 acreditados e houbo preto de 3.000 visitantes que se achegaron ás instalacións durante os dez días de duración do mesmo.

Servizos do Sales Office

O Sales Office pon a disposición de todos os profesionais acreditados diferentes publicacións, con carácter gratuíto. Así mesmo, terán acceso á videoteca na que se ofrecerá a produción española e latinoamericana do ano, de setembro de 2007 a setembro de 2008; os filmes seleccionados nas diferentes seccións do festival; e as películas do ano presentadas polos produtores ou vendedores con traballos seleccionadas no festival.

Especial Variety

O Consorcio Audiovisual de Galicia manterá este ano a colaboración coa revista Variety tal e como ven facendo nos últimos anos. Así, co gallo da presenza da entidade no Sales Office da 56 edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, o Variety do 22 de setembro publicará un Especial Anual sobre Galicia. A reportaxe abordará, entre outros temas, os proxectos e producións galegas que van estar presentes na 56 edición do festival da cidade donostiarra. Esta revista, con edición única en inglés e distribuída en todo o mundo, é unha referencia obrigada para todos aqueles relacionados co eido do cine.

Encontro España-Colombia

O 22 de setembro ademais, no marco do Festival, vaise desenvolver un encontro entre España e Colombia organizado por FAPAE e Proimágenes en Movimiento. O encontro, no que ten previsto participar o director-xerente do Consorcio, Nacho Varela, contará cunha exposición do panorama audiovisual de ambos os países, a presentación das empresas participantes, así como unha serie de reunións bilaterais entre os asistentes.

O Consorcio anima ás produtoras galegas a participar na convocatoria, sobre todo a aquelas que teñan proxectos susceptibles de ser realizados en coprodución con Colombia, así como aquelas que teñan interese en coñecer os proxectos prodecentes do país latinamericano.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia