Skip to main content

Innovación e Industria destina máis de 3 millóns de euros aos clústers industriais galegos

Innovación e Industria destinará 3.155.569 de euros ao desenvolvemento dos clústers industriais galegos entre os anos 2008 e 2009 co obxectivo de potenciar e incrementar a súa capacidade tecnolóxica e o nivel de calidade produtiva dos seus asociados. Así se recolle no convenio asinado entre conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco e os presidentes dos clústers do Produto Gráfico e do Libro Galego, da Madeira de Galicia, de Biotecnoloxía de Galicia, do Audiovisual Galego, da Acuicultura de Galicia, de Empresas da Automoción de Galicia e da Asociación Clúster do Naval galego. As cantidades distribúense en 1,3 M € neste ano e case 1,9 o vindeiro 2009. Con este acordo, as achegas da Consellaría para a mellora do funcionamento dos clústers desde 2005 suman 6,5 millóns de euros.

A finalidade do convenio, segundo explicou Fernando Blanco, é que o labor dos clústers “propicie o crecemento económico e a creación de postos de traballo, fomente a cooperación entre eles e profunde no labor de seren peza clave das Plataformas tecnolóxicas sectoriais, xunto á administración e a Universidade”. En total desenvolveranse 53 medidas entre as que se inclúen plans de dinamización destes sectores produtivos ante a conxuntura económica actual e tamén a elaboración de plans estratéxicos, de viabilidade, de competitividade e de internacionalización.

As actuacións en materia de internacionalización -como son a participación en feiras internacionais, misións comerciais ou a creación de departamentos específicos de comercio exterior- a implantación de plans de cooperación entre empresas, ou a mellora da difusión, información e o márketing sectorial, son outros dos ámbitos nos que incidirá este acordo. A Consellaría tamén colaborará cos clústers no desenvolvemento de actuacións sobre loxística e na posta en marcha de distintivos de marca sectorial que permita a promoción de valor diferencial existente e ao seu recoñecemento e calidade a nivel estatal e internacional.

No acto celebrado hoxe o conselleiro nacionalista referiuse ás actuacións máis importantes en cada un dos sectores. O Clúster do Produto Gráfico e do Libro porá en marcha 8 actuacións nas que se investirá máis de 400.000 €, entre as que destacan un estudo de posibilidades de negocio, o fomento dos consorcios de exportación, a creación do libro de estilo do mundo gráfico, bolsas de dinamización da calidade e mellora de procesos e proxectos piloto de integración loxística. Pola súa banda o Clúster da Madeira desenvolverá 6 grupos de actuacións financiados con 580.000 €, nos seguintes proxectos: Madeira Viva, Xornadas de Deseño na arquitectura, a plataforma Galiwood de exportacións, o proxecto de prescrición internacional da madeira, o proxecto PRUMA de política de recursos humanos común na cadea de transformación e o proxecto de indicadores de boas prácticas no sector.

O Clúster da Biotecnoloxía ten prevista a elaboración dun plan estratéxico de internacionalización; bolsas de formación nos eidos da alimentación, biomedicina, acuicultura e agricultura; a edición dun vídeo de contido científico-empresarial; e un plan de dinamización que axude ao sector a identificar os retos prioritarios, dinamizalos e difundir os seus resultados. O investimento asociado elévase a 316.000 €. Por outra banda, o Clúster do Audiovisual empregará 456.000 € para pór en marcha 18 actuacións nestes 2 anos. Entre outras, haberá accións de formación especializada a través de cursos, laboratorios e seminarios; unha Unidade de Explotación de Contidos Multimedia que asesore nos avances na explotación de contidos dixitais; a presenza en eventos internacionais do sector en Alemaña, Francia e Estados Unidos; un Servizo de Estudo de audiencias, así como foros técnicos. Tamén se creará a marca “Galicia audiovisual” que englobará ao sector.

Catro serán as accións que por un importe de 314.000 € están previstas no sector da Acuicultura por parte do seu clúster: o Plano Estratéxico 2008-2012; un estudo de oportunidades de internacionalización; un Plan de acción competitiva e de xestión enerxética; e estableceranse itinerarios formativos en tecnoloxías acuícolas. Ao tempo, o Clúster da Automoción investirá 591.000 € en accións estratéxicas relacionadas coa implantación dun sistema de produción Lean e un Plan de Comunicación do Sector do Automóbil. Por último, outro dos sectores estratéxicos da industria galega como é o Naval contará con 490.000 € para desenvolver 9 actuacións diversas. Están referidas a un Plano de formación para o relevo xeracional; un Programa de desenvolvemento da cadea de valor; o Estudo de medidas de apoio financeiro; as misións internacionais; ademais de accións sobre a loxística como é un proxecto piloto de creación de grupos de subministración ou sistemas de aprovisionamento da industria auxiliar.

“Estamos pois –explicou o conselleiro- ante un conxunto de actividades moi variado que van reforzar o labor dos clústers e van robustecer os principais sectores industriais que sustentan a economía galega. A nosa competitividade nun contexto mundializado no que se deixa notar a crise é debedora destas políticas cooperativas”. Con estas accións e o seu financiamento, engadiu, a Consellaría de Innovación e Industria quere sentar as bases para que nos dous vindeiros anos os clústers poidan desenvolver de forma estable o seu labor, co efecto de positivo para a nosa economía.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia