Skip to main content

Pesca e Innovación colaboran na investigación de mecanismos paliativos de mareas vermellas

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, asinaron un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Cetmar para o desenvolvemento dunha acción de investigación sobre “Os episodios tóxicos de orixe fitoplanctónico nos moluscos bivalvos de Galicia”. O acto de sinatura tivo lugar na sede do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, situado en Vilagarcía de Arousa.

O obxectivo principal deste proxecto, no que traballarán o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), a Fundación Cetmar e a USC, é o fortalecemento do sector da acuicultura de moluscos bivalvos a través da articulación das investigacións sobre os episodios tóxicos de orixe fitoplanctónica (mareas vermellas) nunha estrutura coordinada con capacidade para orientar e priorizar desenvolvementos futuros e resolver problemas inmediatos derivados da regulación, xestión ou control dos mesmos. Con este traballo coordinado tamén se busca perfeccionar e innovar o sistema de control de biotoxinas actual e avaliar as posibles vías de solución a curto e medio prazo da presenza desta toxina.

Para a posta en marcha desta iniciativa, a Consellería de Innovación e Industria achega, a través do Plan Galego de I+D+i, un total de 1.138.683 euros e a súa vixencia comprenderá o período que vai dende a sinatura do convenio de colaboración ata o 31 de decembro de 2011. Ademais, coa información final que se obteña deste estudo, a Xunta de Galicia disporá dun marco de actuación para a posta en marcha de futuras políticas de prevención e control dos procesos tóxicos que padecen os bivalvos.

Tratar de paliar as consecuencias da toxina nun sector importante

O sector da acuicultura de moluscos bivalvos ten unha grande importancia en Galicia tanto no que se refire á produción e ás cifras de negocio, como en número de empregos directos e indirectos, sobre todo grazas ao cultivo do mexillón e doutras especies nas nosas rías. A acuicultura galega domina, ademais, no mercado nacional e é un dos principais subministradores nos mercados europeos.

Aínda con todo isto, os atrancos que sofre esta actividade económica por mor das mareas vermellas son importantes, podendo considerarse como o principal problema ao que teñen que facer fronte os cultivos en Galicia.

Neste sentido, e para paliar as consecuencias da aparición destes compostos tóxicos, é necesario actuar sobre varias vías e, fundamentalmente, sobre unha correcta regulación dos niveis tolerables.

Así, no marco deste proxecto, traballarase sobre a implementación dun sistema de control optimizado en termos de custo económico e de desenvolvemento de métodos de redución da acumulación da toxina nos bivalvos, profundizando nos procesos que regulan a acumulación (aproximación fisiolóxica) e nos propios organismos (aproximación xenética).

Carácter integrador do proxecto

A Conselleira de Pesca, Carmen Gallego Calvar, destacou no acto de sinatura celebrado en Vilagarcía de Arousa que esta acción estratéxica sobresae polo seu carácter integrador. Indicou que aglutina á meirande parte da investigación que se está a desenvolver en Galicia en materia de biotoxinas en moluscos bivalvos nunha estrutura coordinada na que participan o Intecmar, a Fundación Cetmar e a Universidade de Santiago.

Así mesmo, explicou que esta iniciativa tamén contribuirá á intensificación da relación entre os investigadores e as empresas, algo que “está na base do desenvolvemento de calquera actuación de investigación aplicada”. Neste sentido, o proxecto no que se empezará a traballar dende hoxe fomentará a sinerxia e a transferencia de coñecemento entre os equipos de investigación e as empresas que poderán compartir e discutir os resultados.

Carmen Gallego sinalou, ademais, que este estudo contén liñas de investigación cuxos resultados van ser determinantes no futuro do sector da acuicultura de bivalvos, e en concreto do mexillón. Entre eles, destacou o perfeccionamento do sistema de control actual para mellorar na predicción das mareas vermellas, ou a aplicación de estratexias fisiolóxicas e xenéticas na busca de métodos para lograr que o mexillón non se intoxique ou elimine a toxina máis rapidamente.

Finalmente, a titular do departamento de Pesca resaltou que nos últimos dous días o Goberno galego puxo en mans do sector mexilloeiro dúas ferramentas primordiais para facer fronte aos retos de futuro. A esta acción de investigación presentada, únese a aprobación do regulamento da Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia”, que saíu onte publicado no Diario Oficial de Galicia.

Pola súa parte, o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, subliñou a relevancia de que “se poñan en común recursos e esforzos” para mellorar a capacidade de resposta ante o problema da toxicidade nos moluscos. Así mesmo, explicou que suporá a “creación dunha estrutura coordinada de investigación que achegue resultados a curto prazo e teña perspectivas a longo prazo”.

O titular de Innovación e Industria destacou tamén que este convenio non é unha acción illada, senón que hai que encadrala na política do seu departamento de impulsar, a través do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE), programas sectoriais “que desenvolven investigacións e tecnoloxías que redundan en beneficio da economía e a sociedade galegas”.

Fernando Blanco lembrou que no ano 2007 a súa Consellería “apoiou con case catro millóns de euros 33 proxectos de investigación neste sector de diferentes empresas, centros tecnolóxicos e grupos de investigación, tendo especial significación a liña de biotoxinas no marisqueo e as referidas ao mexillón”. Recordou, ademais, que no pasado mes de xuño tanto a Conselleira de Pesca como el mesmo presentaron a Axenda Estratéxica de Investigación da Plataforma Tecnolóxica de Acuicultura, unha ferramenta de grande alcance para orientar o sector cara á I+D+i.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia