Skip to main content

Pesca reúnese cos mariscadores da ría de Ferrol

O director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, presidiu unha nova xuntanza da comisión de seguimento do Plan de Dinamización da Ría de Ferrol, deseñado pola Consellería de Pesca co fin de paliar a situación económica á que se ven abocados os traballadores do mar pola clasificación das súas zonas de produción como “C”. Este organismo está integrado por representantes das tres confrarías da zona, Ferrol, Mugardos e Barallobre, e das organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, así como biólogos e técnicos de Pesca.

Os asuntos da orde do día tratados na reunión celebrada hoxe en Santiago foron, entre outros, o calendario dos traballos a realizar polos profesionais ferroláns no marco do Plan nos próximos meses, así como analizar o desenvolvemento das tarefas levadas a cabo ata o momento.

Sobre o primeiro dos temas, os membros da comisión acordaron fixar as datas para os traballos de limpeza e rexeneración, que se desenvolverán entre o 1 de setembro e ata o 14 de novembro, e de extracción, que se levarán a cabo a partires do 17 de novembro e ata o 15 de xaneiro de 2009.

Deste xeito, os mariscadores a flote desenvolverán nos meses de setembro, outubro e metade de novembro traballos de extracción e posterior resembra nas zonas que determinen os biólogos da Consellería de Pesca. Para este labor estableceuse en 32 mm. a talla mínima da ameixa a recoller e o tope máximo de captura por tripulante será de tres quilogramos. Para desenvolver esta actividade, os profesionais realizarán previamente rastreos con endeño sen copo dende embarcación.

Así mesmo, levarán a cabo traballos de retirada de mexillón, na que participarán tres embarcacións con endeño, para o que se fixou un mínimo de 100 capachos como cantidade de residuos mínima que deberán extraer das Pías. Ademais, as tres confrarías de pescadores ferrolás presentarán un plan de limpeza de depredadores, en concreto de estrela de mar, con nasas que deberán remitir á Consellería de Pesca para o seu estudo de cara á súa posible aplicación na ría ferrolá.

Pola súa banda, os mariscadores a pé de Mugardos e Barallobre realizarán traballos de limpeza, rexeneración e traslados nos bancos marisqueiros próximos ás zonas de influenza das súas respectivas confrarías.

Con respecto á análise dos resultados da campaña de verán, na que os mariscadores puideron extraer marisco para a súa comercialización, os membros da comisión de seguimento plantexaron que o volume de capturas está dentro do esperado inicialmente, tras as mostraxes realizadas, e son cifras normais nesta época do ano.

Finalmente, a Confraría de Pescadores de Ferrol solicitou á Consellería de Pesca a cesión dunha embarcación para levar a cabo labores de vixilancia. Dende Pesca tomouse nota desta petición para ser estudada.

Encontro coa nova directiva do pósito de Ferrol

Previamente á reunión da comisión de seguimento, o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, recibiu oficialmente no seu despacho ao novo patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol, Julio Videira Guedes, e aos membros do cabildo. Trátase do primeiro encontro que manteñen despois da toma de posesión do novo equipo directivo do pósito que tivo lugar o pasado día 8 de agosto.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia