Skip to main content

Axentes gardacostas participan en Ferrol nun curso de actualización da lexislación pesqueira

Axentes do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procedentes das unidades operativas de Celeiro, Ferrol e A Coruña participan nun curso de actualización da lexislación pesqueira, que se celebra na Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol. As xornadas deron comezo o pasado luns e rematarán o vindeiro mércores 17 de setembro.

Esta acción formativa, que está incluída no Plan de Formación Continua da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), incorpora diversas temáticas vencelladas coa lexislación xeral, a nivel europeo e estatal, co fin de actualizar, ordenar e harmonizar os coñecementos dos axentes de Pesca en materia de inspección.

O programa, de carácter presencial e de 21 horas de duración, organízase en torno a cinco seccións temáticas que aglutinan información sobre o marco normativo xeral do control das actividades pesqueiras; a inspección en buques de pesca e o sistema de medición das diversas artes. Así mesmo, tamén se centran nos establecementos auxiliares de acuicultura, como son as depuradoras de moluscos, cetarias, depósitos reguladores ou expositores; e a normativa sobre a comercialización e transporte dos produtos de pesca, marisqueo e acuicultura.

O Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca, coa colaboración da EGAP, ten prevista a realización doutras dúas accións formativas que comparten os mesmos obxectivos e que se centrarán tamén na actualización da inspección pesqueira. Estas actividades terán lugar no próximo mes de outubro en Santiago e Pontevedra.

Dende a Consellería de Pesca estase a incidir de xeito notable na formación dos profesionais que integran o Servizo de Gardacostas de Galicia. Deste modo, cabe sinalar que os axentes tamén están a recibir formación vencellada á loita contra a contaminación e o salvamento. Así mesmo, en abril deste ano participaron nun curso sobre a regulación da primeira venda dos produtos da pesca e o emprego de datos estatísticos desta actividade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia