Skip to main content

Pesca permite por primeira vez no litoral galego a extracción experimental de anémona de mar

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Recursos Mariños, vén de aprobar por resolución o plan experimental para a extracción da anémona de mar (Anemonia viridis) no litoral de Galicia, en concreto, na franxa infralitoral. Con esta aprobación, dáse por satisfeita a demanda de varias entidades do sector pesqueiro e marisqueiro galego que presentaron plans de explotación para esta especie co fin de diversificar a súa actividade produtiva e incrementar as súas posibilidades de ingresos económicos. Son as confrarías de pescadores da Coruña, Barallobre e Cangas as que amosaron inicialmente o seu interese na explotación deste recurso e, polo tanto, as primeiras en poder participar neste plan experimental.

En Galicia non existen antecedentes de explotación de anémona de mar, de modo que será a primeira vez que se extraia esta especie en augas da nosa comunidade autónoma. De todos os xeitos, sí existen precedentes de explotación deste recurso nas costas andaluzas, onde hai unha clara demanda no mercado. Tendo isto en conta, a Consellería de Pesca optou por poñer en marcha este plan experimental que servirá, sobre todo, para acadar información científica concreta sobre esta especie no litoral galego, avanzar nos coñecementos da explotación deste recurso e poder chegar a establecer normas máis concretas e claras para regular a súa extracción, así como coñecer a demanda real deste produto en Galicia.

No marco deste plan experimental, o Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela presentou á Dirección Xeral de Recursos Mariños o proxecto denominado “Avaliación dos stocks e seguimento da extracción de Anémona viridis (Forskal, 1775) nos distintos puntos da costa galega”, co que, xunto aos técnicos e biólogos da Consellería de Pesca, realizará un estudo e control exhaustivo do desenvolvemento do plan e das condicións desta especie.

Na resolución emitida pola Dirección Xeral de Recursos Mariños e que xa se lle fixo chegar ás entidades implicadas, establécense as condicións de explotación das anémonas. Así, a zona de extracción será a franxa infralitoral nos sectores de costa A, de punta Langosteira a cabo Prioriño (Provincia da Coruña), e B, de punta Canabal a punta Robaleira (Provincia de Pontevedra). Deste xeito, as zonas no sector A, nas que faenarán as embarcacións autorizadas dos pósitos da Coruña e Barallobre, están distribuídas entre a praia de Canido e a punta Bufadoiro (zona I); de punta Torrella á punta do dique de Sada (Zona II); da desembocadura do río Sarío (Bañobre) a punta Crebitas (Zona III); e do dique de Ares a punta Miranda (Zona IV). Pola súa parte, no sector B, onde traballarán os profesionais autorizados da Confraría de Cangas, estableceuse a zona I, de punta Balea ata ao extremo leste da praia de Limens, incluíndo o faro de Borneira e o illote de Corbeiro; a zona II que vai do extremo oeste da praia de Limens ata ao extremo leste da praia de Barra; e a zona III, do extremo oeste da praia de Barra a punta Robaleira.

Así mesmo, establécense as chamadas zonas branco ou de control en cada un dos sectores, nas que está prohibida a extracción. Estas áreas son necesarias para o correcto seguimento científico do plan experimental de explotación da anémona de mar.

Técnica de extracción e arte a empregar

A técnica de extracción autorizada para o plan experimental da anémona será o mergullo con subministro de aire dende a superficie. Polo tanto, os mergulladores que participen no plan deberán estar en posesión das titulacións correspondentes que habilitan para a extracción de recursos mariños.

A extracción será manual, aínda que se admite a utilización dunha rasqueta ou coitelo que, en ambos os dous casos, terán a punta redondeada. Ademais, non se permitirá o emprego de ningún outro elemento para a extracción ou para o traslado do recurso á embarcación, agás o uso dun trueiro.

Época de extracción, horario, topes de captura e talla

Segundo recolle a resolución, o período autorizado para a extracción será o que vai do 16 de setembro ao 15 de decembro de 2008, cun máximo de 50 días autorizados. En todo caso, en función do desenvolvemento da condicións recollidas no plan, do estado das poboacións e da evolución do prezo no mercado, a Dirección Xeral de Recursos Mariños poderá suspender a extracción da anémona. É de destacar que a autorización da extracción irá ligada a que exista un compromiso comercial que dea saída a este produto, posto que se descoñece a demanda real por parte dos consumidores.

En canto ao horario de traballo, os profesionais do mar que participan neste plan poderán traballar dende as 08.00 horas da mañá e ata as 14.00 horas da tarde. O tope de captura fíxase en 35 quilogramos por embarcación e día, e o peso mínimo autorizado será de 15 gramos por peza.

Puntos de control e forma de comercialización

O plan experimental da anémona establece como puntos de control para a o sector A o Porto de Mera, para a zona I, e o porto de Lorbé para as zonas II, III e IV. No caso do sector B, fixa como punto de control único a lonxa de Cangas.

A comercialización do produto extraído realizarase nas lonxas e puntos de venda autorizados e de acordo coa normativa vixente en materia de descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco.

Para o correcto desenvolvemento do plan, as entidades participantes deberán remitir, con periodicidade semanal, os datos relativos á extracción á Dirección Xeral de Recursos Mariños. A non remisión dos mesmos pode dar lugar á exclusión do plan.

Durante o período de vixencia desta iniciativa experimental, técnicos da Consellería de Pesca e da Universidade de Santiago de Compostela realizarán, en calquera das embarcacións autorizadas, as mostraxes correspondentes para o control, seguimento e avaliación do plan, para o que se contará coa total colaboración das entidades e persoas participantes.

Solicitudes de apertura

Para poder comezar a extracción, as entidades ás que están asociadas as embarcacións incluídas no plan solicitarán á Dirección Xeral de Recursos Mariños, cunha antelación mínima de dez días, a apertura das zonas de explotación que terá carácter quincenal. Nesa solicitude, indicarase a relación de barcos e mergulladores que traballarán; as zonas, días e topes de captura; os puntos de control (facendo mención á hora e lugar onde se realizarán), así como copia do acordo coa empresa comercializadora no que figurará a cantidade de recurso (en quilos) que a empresa se compromete a procesar diariamente.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Mariños da Xunta de Galicia