Skip to main content

Arranca a campaña Flis-Fli-Ris-Flás de fomento da lingua galega e da literatura no ámbito familiar

Flis-fli-ris-flás é un ambicioso programa que vai chegar á totalidade dos nenos e nenas de Galicia de primeiro e segundo curso de Educación Primaria. A Compañía Matapiollos será a encargada de representar, ata en 75 ocasións, e en 47 concellos entre setembro e decembro, a obra de teatro, dirixida por Jorge Coira. Todos os asistentes serán agasallados cunha bolsa que incluirá un conto, obra de Araceli Gonda, que se complementa cunha batería de actividades, todas elas moi creativas, para traballar desde a familia arredor da lingua e a lectura, obra do asesor pedagóxico Francisco C. Díaz Rei, e un CD interactivo con case que cen actividades lúdicas arredor da lingua. Para os pais vai, ademais, destinado un tríptico coa idea de sensibilizalos da importancia do seu traballo como transmisores e fomentadores da lingua e do amor polos libros. A pesar de que a obra non se representa en todos os concellos de Galicia, o material si o recibirá a totalidade do alumnado do primeiro ciclo de primaria. Xa que logo, estamos diante dunha edición de case que 45.000 exemplares.

Deste xeito, a historia de Martiño, os seus medos á escuridade, e a axuda que atopa nas historias dos libros, será reforzada desde distintos soportes. Os cativos ven a obra e seguen as peripecias de Martiño, que continúan despois no conto e na aventura, arredor da Biblioteca da Auga (con guión de José Luis Orge e Francisco Castro), ao mesmo tempo que entenden a importancia da lectura e traballan e melloran a lingua galega. As ilustracións de Xosé Tomás, tanto no conto como nas animacións do CD interactivo, dotan a todo o producto dunha beleza estética moi atractiva e axeitada ás idades ás que vai dirixido.

As representacións arrancaron en Verín e percorrerán a totalidade da xeografía galega. Os centros educativos poderán incluír a actividade como unha das súas saídas extraescolares. Ademais, nas cidades de Galicia, as representacións tamén na fin de semana, permitirán que moitos adultos gocen da representación.


Editorial Galaxia