Skip to main content

O índice de produción industrial medra en Galicia por riba da media do Estado

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que o Índice de Produción Industrial (IPI) creceu en Galicia, no que vai de 2008, por enriba da media do Estado. “A taxa internaual do IPI no ano 2008 sitúase, xa nos últimos tres meses, por enriba da media de España ”, sinalou o titular do Goberno galego quen salientou que, en agosto de 2008, o IPI creceu en Galicia un 2,8 por cento, 5,8 puntos por enriba do promedio do Estado que rexistra unha taxa de crecemento negativo de -3. “A economía galega tivo e ten un comportamento máis que razoable, equilibrado e sostible”, aseverou.

Pérez Touriño destacou outras cifras da evolución da economía da Comunidade Autónoma e, en resposta a unha pregunta parlamentaria, subliñou que Galicia ten hoxe 120.000 ocupados máis que no ano 2004, cando gobernaba o Partido Popular, que hai 60.000 desempregados menos, que a taxa de paro está en algo máis do 8 por cento fronte ao 13 ou 14 por cento de hai catro anos, e que as exportacións e o comercio exterior galego creceron en máis dun 50 por cento.

Así, o titular da Xunta destacou que a economía da Comunidade Autónoma coñeceu nos anos 2006 e 2007 un período de crecemento e de creación de emprego “sen precedentes”, onde o sector industrial e o de servizos tiveron un papel extraordinariamente activo e positivo. “Todos sabemos que estamos nun contexto internacional duro e difícil, que retrae o consumo e que fai sufrir a industria. Pero Galicia está nunha posición razoable para afrontar as dificultades que temos diante. E ten un Goberno que está reaccionando”, remarcou Pérez Touriño.

“Sería bo para Galicia e para a Cámara que ao fronte da oposición estivera alguén con responsabilidade para recoñecer que a economía galega ten hoxe un comportamento equilibrado”, afirmou o presidente galego en referencia ao responsable do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a quen acusou que querer xerar desconfianza en vez de impulsar a economía.

Un cambio no modelo de explotación enerxética

No transcurso da súa intervención, o presidente da Xunta asegurou, tamén, que o seu Goberno puxo en marcha un cambio de modelo de explotación enerxética pensado “para favorecer a Galicia, para evitar que os beneficios saian fora de Galicia”. “Estamos diante dunha política enerxética totalmente distinta á anterior. En primeiro lugar, impulsamos a transparencia, favorecemos a enerxía diversificada, e buscamos que o país teña autonomía e capacidade de xestión dos seus propios recursos”, afirmou.

Así, o titular da Xunta garantiu que o concurso eólico se resolverá “con criterios de responsabilidade social, beneficio de país e transparencia”. “Hai un procedemento regrado, un decreto que o regula, mecanismos taxados, e unha comisión de valoración na que están todas as consellerías que teñen que estar”, resumiu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia