Skip to main content

A conselleira de Pesca visita as instalacións de Projoscar, en Cambados

Declaracións da Conselleira de Pesca na súa visita ás instalacións de Projoscar, no Porto de Tragove (Cambados)

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares, e a delegada de Pesca en Pontevedra, Ángeles Montero, visitou as instalacións da firma Projoscar no Porto de Tragove (Cambados). Trátase dunha granxa mariña, que se dedicará ao cultivo de rodaballo, que ten previsto comezar a funcionar no primeiro trimestre do ano que vén.

Segundo destacou a Conselleira na súa visita ás instalacións, esta empresa ten feito unha inversión de ao redor de sete millóns de euros, e conta con apoio da Administración pesqueira galega que ten aportado preto de tres millóns de euros para esta actuación.

Esta granxa mariña aplicará un sistema de recirculación de auga, polo que será a segunda que estableza este sistema despois da granxa Aquacría, tamén de Cambados. Este sistema, máis sustentable, permite un maior aforro enerxético. Sistemas coma este son os que se priman no Plan Galego de Acuicultura.

Carmen Gallego, no encontro que tivo cos medios despois do percorrido polas instalacións, quixo deixar claro que o acordo acadado entre Arousa Norte e Pladimega, coa mediación da Consellería de Pesca en ningún caso é un acordo de prezos senón un acordo sobre a distribución e a organización da produción. Así mesmo, destacou que a mensaxe que os conserveiros deberían dar aos seus consumidores e á sociedade é que van a seguir mercando e envasando mexillón de Galicia, porque os consumidores o que queren é que nas latas de conserva haxa produto galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia