Skip to main content

A plataforma SOA impulsará a calidade da administración electrónica

O obxectivo da nova plataforma SOA (Arquitectura Orientada a Servizos) da Xunta é a calidade dos servizos públicos para o impulso da administración electrónica en Galicia. Así o asegurou o director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan Gómez Romero, quen sinalou que o novo paradigma das administracións públicas ten na lei de acceso electrónico dos cidadáns un dos seus principais expoñentes, algo que en Galicia se completa coa Lei de Transparencia e Boas Prácticas. En ambos casos, dixo, a calidade dos servizos públicos configúrase como elemento esencial dunha administración moderna.

Gómez Romero expuxo estas ideas na XIV edición do Foro de Microsoft que se celebra estes días en Budapest (Hungría) e no que participan máis de 150 representantes públicos e empresas tecnolóxicas. Nel incidiu na importancia que supón para a Xunta non só a mellora do acceso electrónico, senón tamén posibilitar a provisión electrónica dos servizos da administración (é dicir, incluír a tramitación electrónica dos expedientes administrativos como un elemento cotián da actividade administrativa) para impulsar a modernización e innovación en Galicia.

Este proxecto suporá a aparición de expedientes e documentos electrónicos que substituirán os expedientes en papel e impulsarán a eficacia e a eficiencia do procedemento administrativo, de forma que se posibilite o avance cara a unha “administración cero papel”. Así, os centros directivos da Xunta disporán non só de avanzadas ferramentas informáticas para a automatización das súas actividades, senón tamén dun amplo abano de metodoloxías para o apoio da xestión dos seus procesos de mellora continua a través do Sistema de Calidade na Xestión (Plan Mellora), segundo explicou.

Características da plataforma

O director xeral destacou que as principais características da plataforma SOA son o seu amplo despregue no mercado e a utilización de estándares abertos e recoñecidos, elementos que a configuran como unha solución “clave” de interoperabilidade entre as diferentes plataformas tecnolóxicas e, polo tanto, como un excelente canal de comunicación entre diferentes departamentos e administracións públicas.

Así mesmo, indicou que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza buscou a través dela unha solución de fácil implantación, dunha parte para integrar os sistemas de información herdados do Goberno anterior –moitos e con importantes datos de cidadáns que era preciso utilizar e asegurar- e doutra para abordar novos desenvolvementos e funcionalidades en períodos de tempo curtos e con orzamentos reducidos. Isto fíxose “para dispoñer en todo momento da solución máis competitiva e adecuada para todos os departamentos da Xunta de Galicia”, asegurou.

Gómez Romero subliñou que un dos principais “elementos orientadores” do proxecto son os propios usuarios públicos, para os que se busca a máxima flexibilidade de forma que poida adaptar de forma continua a súa actividade e ferramentas ás necesidades dos cidadáns e do servizo público cunha mínima asistencia técnica.

“Sen dúbida, a plataforma ten ademais como obxectivo a busca da máxima usabilidade e capacidade de explotación de datos, non só do empregado público para o seu traballo diario senón tamén do cidadán, quen poderá acceder á súa información de forma áxil e transparente sen que a tecnoloxía do seu propio ordenador sexa un factor limitante nese acceso”, concluíu o director xeral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia